Investigadores da USC dixitalizan as 1.700 cantigas da lírica profana galego-portuguesa que se coñecen
venres, 5 de abril do 2024
A base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa (PalMed) vén de ser creada polo Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago xunto co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e co financiamento do Ministerio de Economía para a súa posta en marcha. Este proxecto, realizado grazas aos progresos tecnolóxicos acadados nas últimas décadas no eido das Humanidades Dixitais, é froito do traballo dun equipo multidisciplinar liderado polas catedráticas de Filoloxía Románica Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, xunto ao doutor Antonio Fernández Guiadanes e o informático Carlos Sánchez.
Unha das investigadoras principais deste proxecto é Carmen de Santiago, responsábel dunha boa parte das tarefas relativas á codificación e marcaxe dos textos. Segundo Carmen, PalMed achega a transcrición paleográfica de todas as cantigas que chegaron até os nosos días, dito doutro xeito: a transcrición literal dos textos tal e como están copiados nos cancioneiros. As transcricións van acompañadas das imaxes dos manuscritos e engádese información sobre os caracteres orixinais naqueles casos nos que a súa lectura resulte complexa (sistema de abreviaturas empregado polos distintos copistas dos códices). “Trátase dunha base de datos pioneira a nivel internacional, xa que non existe outra igual de conservadora e coas mesmas características para ningunha tradición literaria medieval”, di a investigadora.
Esta base de datos recolle todas as cantigas da lírica profana galego-portuguesa que se coñecen na actualidade, unhas 1.700. A investigadora explica que unha mesma cantiga pode estar copiada en varios códices e que hai variacións duns a outros, elevando o número a 3.200 documentos.
“O que diferencia a PalMed do resto das transcricións en liña é que, a través dunha sinxela web de acceso libre, ofrece a posibilidade de acceder a todos os testemuños que nos legou a poesía dos nosos trobadores e xograres medievais desde distintos niveis de consulta”, sinala a investigadora.
Cómpre salientar que está páxina ofrece información que pode ser de interese para distintos sectores da sociedade, sobre todo docentes e estudantes de diferentes niveis educativos, en particular universitarios. Faise fincapé no feito de que non se trata dunha transcrición de textos ao uso, senón que se achega información de cada palabra, de cada verso, e para poder engadir esta información cómpre codificala. Os investigadores poñen de relevo que “a precisión na codificación dos datos permitirá adaptar este sistema á dixitalización doutras tradicións literarias medievais”.
Segundo engaden, “esta ferramenta concibiuse como un complemento de MedDB, a Base de datos da lírica profana galego-portuguesa que nos anos 90 puxo en liña as edicións críticas de referencia de todas as composicións dos trobadores”. Esta base de datos, explican, achega información de tipo literario, relativa ao contido das cantigas, mentres que “a nova ferramenta que desenvolvemos é unha transcrición dos textos, que permite, por exemplo, facer estudos gráficos, gramaticais ou editorais”.
Así mesmo, con MedDB e PalMed ponse en valor o traballo dos paleógrafos e dos filólogos, dado que o usuario interesado na lectura das cantigas e na visualización de manuscritos deste tipo será consciente do labor previo que require ofrecer en liña dito material, apunta Carmen de Santiago.