Investigadores da USC impulsan unha ferramenta para garantir aos nosos buques a pesca máis eficiente e rendíbel

xoves, 22 de abril do 2021 S. P.

Mariñeiros traballando nunha imaxe de Santi Alvite para a USC

Científicos da USC e do Instituto Español de Oceanografía (IEO), en colaboración coa Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín, desenvolveron un modelo espacial de eficiencia económica para predicir as solucións máis rendíbeis para os nosos buques ante diferentes escenarios. O traballo, realizado no marco do proxecto LIFE iSEAS e publicado na revista Marine Policy, utiliza un modelo matemático que ten en conta a estimación de capturas por caladoiro, os ingresos e os custos da actividade pesqueira (por exemplo o consumo de combustíbel, os salarios e outros), para crear unha ferramenta tecnolóxica que permite obter as solucións máis eficientes en termos de rendibilidade.
Esta nova ferramenta simula diferentes escenarios de xestión e distintas medidas que os pescadores poderían adoptar fronte á obrigación de desembarco imposta á frota europea, alén de mostrar como o incremento do tamaño da tripulación ou unha selección eficiente da zona de pesca serían solucións economicamente máis acaídas que mellorar a eficiencia do buque ou incrementar a duración da marea. Gonzalo Rodriguez Rodriguez e Hugo M. Ballesteros, pertencentes ao Departamento de Economía Aplicada, son os dous asinantes do artigo procedentes da USC.
“Esta ferramenta pode resultar de interese tanto para pescadores, que poden utilizala para realizar predicións a curto prazo para elixir as mellores zonas de pesca, en función das capturas obtidas en días anteriores, como para xestores, que poden simular os resultados máis probábeis de cambios lexislativos na política pesqueira”, informa o equipo investigador.

PUBLICIDADE