Investigadores da USC piden máis acción contra a impunidade de Internet en materia de agresións machistas
luns, 2 de decembro do 2024
O persoal investigador e docente da USC Jorge García Marín, Lorena Añón Loureiro e Begoña Gómez Vázquez presentaron este venres 2 de decembro unha nova investigación que constata o incremento que está a experimentar a violencia contra as mulleres por mor dun mal uso das ferramentas tecnolóxicas. “Internet tense convertido nun novo eido social para o sistema prostitucional”, comentaron.
Trátase do estudo O sistema prostitucional na era dixital: radiografía sociolóxica a partir dos discursos das mulleres prostituídas e/ou vítimas de trata sexual e de persoas técnicas en Galicia. Nel suxiren que, no momento dixital que vivimos, ese sistema intensificou a explotación e violencia contra as mulleres e reafirman “a importancia de accións políticas, lexislativas e educativas para reducir o impacto desta industria na sociedade”.
O informe parte de que o sistema prostitucional na era dixital adopta novas estratexias de publicidade, de captación, de coacción e de explotación sexual. “A pornografía, a prostitución e a trata sexual caracterízanse por estar intimamente relacionadas, e nelas lévanse a cabo representacións, prácticas opresoras, discursos e violencias contra as mulleres, que inflúen na forma de relacionarse, na percepción da sexualidade e no tratamento cara ás mulleres, desde unha óptica patriarcal”, afirman, engadindo que “esta contorna na era dixital, na que impera o anonimato e a globalización da industria, incrementa a dificultade para escapar do sistema prostitucional”.
Así, din, as Tecnoloxías da Información e da Comunicación son “facilmente accesíbeis” e permiten manterse no anonimato “achegando un perfecto caldo de cultivo para captar mulleres e nenas en situación de vulnerabilidade e/ou risco, aspectos dos que se aproveitan as persoas proxenetas e tratantes”. A industria sexual en liña é, pois, “un fenómeno sistémico de explotación de amplo alcance, de máxima exposición e impacto, especialmente para a poboación nova”, aseguran.
O informe, liderado polo profesor Jorge García Marín, realizárono dous equipos de investigación do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación da Facultade de Ciencias da Educación. A presentación tivo lugar no marco da xornada Diálogos e reflexións sobre a violencia simbólica e sexual na era dixital: unha aproximación ao sistema prostitucional.