Investigadores da UVigo constatan que uso de vídeo con IA mellora a formación en socorrismo
mércores, 19 de febreiro do 2025
O uso do vídeo con Intelixencia Artificial presenta importantes potencialidades para a formación en socorrismo e emerxencias. Así se constatou nun proxecto de innovación docente do grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que experimentou coas posibilidades da vídeoasistencia con IA na materia Socorrismo e a súa didáctica, do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Coordinado polo catedrático Roberto Barcala, este proxecto buscaba avaliar as melloras que podía supor para a aprendizaxe do alumnado o uso dun dispositivo de gravación por vídeo que permitía realizar un seguimento de persoas ou accións concretas durante a realización de simulacións de “casos clínicos de afogamento”. Deste xeito, estas ferramentas posibilitaban unha posterior unha “videoanálise” na que, como apunta Barcala, as e os estudantes obtiñan información detallada dos seus acertos e erros nas diferentes fases da resolución da emerxencia.
En concreto, demostrouse que a integración da videogravación con IA na docencia práctica desta materia constitúe “unha ferramenta poderosa” para mellorar a adquisición e retención de coñecementos, así como a capacidade do alumnado para utilizalos en “situacións prácticas”, o que resulta especialmente relevante, lembran, nun ámbito como o do socorrismo, no que “a oportunidade de recordar e aplicar rapidamente os coñecementos pode ser a diferencia entre a vida e a morte”.
Tras formarse nun primeiro termo nas “habilidades específicas tanto de prevención, como de rescate e intervención” nunha emerxencia acuática, o alumnado da materia debe pór estes coñecementos en práctica na resolución de “casos clínicos de afogamento”. Nestes, a implantación desta tecnoloxía permitiu, como explica Barcala, programar a gravación “para que siga unha determinada persoa ou un determinado movemento ou patrón”, para, nunha análise posterior, obter información “detallada e personalizada” de aspectos “relevantes para a resolución da emerxencia”, como podería o figura do “líder” na intervención.
Co obxectivo avaliar esta iniciativa, un grupo de expertos e expertas en socorrismo, psicoloxía e investigación educativa deseñou unha enquisa dirixida a avaliar a percepción do alumnado sobre a súa aprendizaxe. Concretamente, no proxecto Videoasistencia con Intelixencia Artificial (VAR-IA) participaron, xunto a Barcala, as e os integrantes do grupo Remoss Marcos Sanmartín, Roberto Silva, José María Pazos, Alejandra Alonso e Felipe Fernández; os profesores da facultade Joaquín Dosil, Rubén Domínguez e Enrique García Ordoñez; os investigadores da USC Santiago Martínez, Rubén Navarro e Lucía Peixoto, e Silvia Aranda, da Universitat de Barcelona.
Este cuestionario buscou avaliar a diferencia que supuña para o alumnado que a avaliación da súa intervención nun caso clínico, levado a cabo cun manequín, se realizase coa asistencia do vídeo ou sen ela. Nese senso, permitiu confirmar que esta ferramenta aumentaba a súa “comprensión xeral e habilidades de resolver os casos clínicos”, que o 67,7% dos que realizaron a videoanálise cualificaron como “excelente”, cifra que diminuía ao 8,7% entre aqueles e aquelas que non o empregaron. Do mesmo xeito, tamén se rexistraron melloras na súa apreciación de acertos e erros individuais, definida como excelente por máis do 66% das e dos participantes que empregaron o vídeo e por menos do 5% das e dos que non o usaron. Porcentaxes similares acadáronse tamén na apreciación de acertos e erros grupais e o uso desta ferramenta como “recurso pedagóxico” foi valorada tamén polo profesorado responsábel, o que leva a Barcala a recoñecer que esta iniciativa “vai ter continuidade nos próximos cursos”, converténdose nun novo recurso para materia, “que ademais trataremos de mellorar”.