Investigadores da UVigo impulsan dous xogos para mellorar o coñecemento do inglés

luns, 28 de xullo do 2025 S. P.

A Universidade de Vigo compartiu os detalles de dúas plataformas que empregan o uso de xogos para que o alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e universitario acade competencias de precisión e fluidez na pronuncia do inglés. Trátase das ferramentas e-SoundWay (English Pronunciation Sounds on the Way of St. James) e e-Profun (English Pronunciation is Fun), desenvolvidas por investigadores/as dos grupos de Enxeñaría de Equipos Electrónicos, Laboratorio de Redes (atlanTTic) da UVigo e Discurso e Identidade da USC, contando ademais no caso de e-SoundWay coa participación das universidades Autónoma de Madrid, Málaga, UNIR e UNED.
“A nosa contribución atópase no deseño e desenvolvemento tecnolóxico de ambas plataformas así como da súa proposta de gamificación (unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo-profesional co fin de acadar mellores resultados)”, explican os docentes e investigadores da UVigo Carlos López Ardao e Alfonso Lago Ferreiro en relación coas súas achegas ás plataformas, que aseguran son o “resultado dun proceso colaborativo entre a filoloxía, a educación e a tecnoloxía”.

e-SoundWay, pílulas de adestramento fonético e pronuncia ambientadas no Camiño

Os docentes e investigadores Carlos Ardao e Alfonso Lago

En palabras de Alfonso Lago, “e-SoundWay é unha ferramenta educativa innovadora deseñada para mellorar a pronuncia, a comprensión auditiva e a transcrición do inglés en falantes de español cun nivel B2 ou superior”. Desenvolvida a partir do método EPSS (English pronunciation for speakers of Spanish), a plataforma compaxina un manual académico cun laboratorio multimedia interactivo dispoñible en liña. Ambientada no camiño francés do Camiño de Santiago, propón un itinerario de aprendizaxe en 34 etapas que inclúen desafíos, minixogos e exercicios de transcrición fonética, polas que as persoas usuarias progresan acumulando puntos e acadando vieiras de ouro, prata ou bronce, segundo o seu rendemento. 
“A experiencia enriquécese coa guía virtual Patience e con outros 15 personaxes históricos que achegan consellos, lendas, anécdotas en inglés, galego e castelán. Ademais incorpora oito acentos diferentes do inglés e música tradicional galega, ofrecendo unha contorna de aprendizaxe única, inmersiva e intercultural”, detalla Lago, investigador principal do proxecto, xunto á catedrática de Filoloxía Inglesa da USC, María de los Ángeles Gómez González.
O software da ferramenta xa foi rexistrado no Rexistro da Propiedade Intelectual o 7 de marzo de 2025, mentres que o seu manual, que fora rexistrado o 11 de febreiro, está en proceso de publicación por parte do Servizo de Publicacións da UVigo. “Unha vez publicado, co manual poderase descargar a ferramenta de xeito gratuíto mediante un código QR de forma”, explica Lago.

e-ProFun, a pronuncia en inglés é divertida

Unha vintena de investigadores e investigadoras da UVigo e da USC, encabezados por Carlos López Ardao e Alfonso Lago e por María de los Ángeles Gómez e Fernando Fraga, respectivamente participaron no desenvolvemento de e-ProFun, unha plataforma web deseñada co obxectivo de mellorar a pronuncia do inglés no alumnado de primaria. “É unha plataforma alegre, igualitaria, de acceso aberto e sostible, que mellora ademais da pronuncia do inglés, a conciencia fonolóxica, a comprensión intercultural e a competencia dixital dos novos estudantes hispano-falantes de inglés para que poidan comunicarse de xeito eficaz dentro e fóra das aulas”, explica López Ardao.
Os contidos da plataforma baséanse na investigación e axústanse ás normas básicas comúns no ensino e a aprendizaxe do inglés en contornas dixitais, combinando os coñecementos da fonética, a pedagoxía e a didáctica do inglés cos avances dixitais disruptivos, que proporcionan Intelixencia Artificial e os videoxogos, de conformidade co argumento da UNESCA de que a despregadura das tecnoloxías de IA na educación debe ter como obxectivo mellorar as capacidades humanas, protexer os dereitos humanos e contribuír ao desenvolvemento sostible. 
“Unha achega clave de e-ProFun é a introdución da fonética e a avaliación da pronuncia nos máis pequenos, así como o emprego da IA para a xeración automática de exercicios, o que permite practicar determinados tipos de competencias e habilidades sen que se repitan as palabras, frases, etc…, detalla López Ardao. A ferramenta que xa está practicamente rematada, conta ademais cunha versión beta, que xa funciona correctamente.