Investigadores das universidades de Vigo e País Vasco contribúen ao impulso responsábel da tecnoloxía

venres, 23 de xuño do 2023 S. P.

Abordar dun xeito inclusivo, partiticipativo, aberto e responsábel o desenvolvemento da tecnoloxía máis avanzada. Este é un dos obxectivos do proxecto de investigación TERGA, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Agencia Estatal de Investigación (AEI) e coordinado pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Neste proxecto, no que participa o coordinador do Post-Growth Innovation Lab da UVigo, Mario Pansera, insírese o seminario Imagining Alternative Futures, que se celebrou este xoves e venres na sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.
O encontro reuniu a investigadores e investigadoras destas dúas universidades, co propósito de xerar un debate sobre “modelos de anticipación e creación de imaxinarios” que permitan, entre outros aspectos, “anticipar as consecuencias negativas da introdución de novas tecnoloxías e involucrar a cidadanía” nestes procesos, sinala Pansera.
“Na implantación da Intelixencia Artificial, ninguén preguntou á xente sobre cales poderían ser as súas implicacións negativas”, engade o responsábel do Post-Growth Innovation Lab como exemplo desa idea de anticipación que centra o proxecto Tecnologías emergentes responsables: la construcción de futuros socio-técnicos mediante gobernanza anticipatoria abierta, TERGA (PID2020-114279RB-I00).
TERGA ten como investigadores principais os integrantes do grupo Praxis da UPV/EHU Andoni Ibarra e Hannot Rodríguez “A anticipación implica utilizar o futuro para tomar decisións no presente”, salienta Rodríguez dun concepto que, lembra, “non supón predicir”, senón traballar na “representación de posíbeis escenarios futuros, de maneira que habiliten prácticas no presente”. Nese senso, engade o investigador da UPV/EHU, trátase dun paradigma que supón “anticiparte a hipotéticos problemas, que poden ser de índole ambiental, social ou ético”, pero que vai máis aló de abordar “posíbeis riscos e como evitalos”, xa que constituír “un elemento que guía ás prácticas do presente”. De aí que o proxecto poña o foco na idea da “gobernanza aberta”, posto que “a anticipación pode utilizarse tanto para abrir como para pechar escenarios”, xa que eses “futuros plausíbeis” poden determinarse con prácticas máis ou menos inclusivas e participativas. “Estás apelando ao futuro para determinar cuestións do presente”, lembra Rodríguez, que incide na necesidade de ver a anticipación “como unha ferramenta posta ao servizo do desenvolvemento de prácticas científicas e tecnolóxicas máis abertas a outras voces e perspectivas” e polo tanto, “máis tendentes a posibilitar un conxunto de escenarios máis amplo”.
No desenvolvemento deste proxecto, que se estende ata 2024, enmárcanse unha serie de seminarios dirixidos a debater os resultados acadados, como o que botou a andar esta semana na Casa das Campás, que buscaba tamén pór en común as liñas de análise sobre anticipación co traballo desenvolvido polo Post-Growth Innovation Lab nos ámbitos do poscrecemento, a decrecemento e a innovación responsábel.
De tres anos de duración, entre os obxectivos do proxecto TERGA figura tamén, xunto ao desenvolvemento dese concepto de anticipación, unha análise das prácticas de investigación e innovación responsábel (RRI) no ámbito das tecnoloxías emerxentes. A idea, engade Pansera, “é empezar a falar dos problemas que poidan xurdir antes de introducir as novas tecnoloxías, implicando a distintos actores”, en lugar de que, unha vez implantadas, “caracterizar o risco” e deseñar leis para limitalo.
Nese senso, o proxecto busca non só desenvolver esa idea de gobernanza anticipatoria dun xeito teórico, senón tamén tratar “de implantala nunha experiencia”, como explica Rodríguez. Con ese propósito, conta coa participación da empresa Applied Nanoparticles, unha nova firma xurdida do Institut Català de Nanociencia i Nanotecnología (ICN2), na que se tentará “operativizar ese concepto, nun proxecto de nanomedicina, incluíndo diferentes actores sociais”.