Investigadores de AtlantTIC impulsan o uso de drons para o mantemento de equipamentos de telefonía móbil

mércores, 18 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Os investigadores do centro de investigación AtlantTIC da Universidade de Vigo están a impulsar, xunto con compañeiros da Universidade de Oviedo, o uso de drons para detectar minas antipersoa e medir as emisións electromagnéticas das antenas, entre outras funcionalidades. As tecnoloxías desenvolvidas até a data colleron corpo grazas á aplicación da súa ampla experiencia en enxeñaría de Telecomunicación no eido dos vehículos aéreos non tripulados. Segundo fan saber, os seus achados, que comezaron embarcando sistemas radar en drons para detectar minas ou tubaxes soterradas, “abren novas liñas de aproveitamento para a administración pública e para as empresas”.
Sobre todo coa consolidación da seguinte funcionalidade importante, a de facer medicións electromagnéticas das antenas, que abre a porta a examinar o funcionamento de equipamentos en estacións de telefonía móbil ou de radiodifusión, co que se axiliza o traballando de mantemento (evítase desmontalas para comprobar o seu estado).
O grupo de traballo, cuxa colaboración remóntase a hai un par de anos, está formado polo catedrático Antonio García Pino e os investigadores Borja González-Valdés e Yolanda Rodríguez Vaqueiro do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións do centro de investigación AtlanTTic da Universidade de Vigo, máis os seus homólogos da Universidade de Oviedo María García Fernández, Yuri Álvarez López, Fernando Las Heras Andrés e Ana Arboleya Arboleya.
Polo que respecta ao papel despregado polos investigadores vigueses, centrouse en axudar aos seus socios en cuestións de posicionamento e no procesado de datos.
Segundo fan saber acerca das orixes do proxecto, no canto de aplicacións de drons baseadas en sensores como cámaras de vídeo, fotografía e térmicas, as e os investigadores de Vigo e Oviedo introduciron novos sensores de bandas de radiofrecuencia e microondas que permiten explotar as propiedades destas ondas para “ver o invisíbel”, explican, engadindo que “nós temos dúas patentes, unha sobre o sistema de detectar minas e outro sobre o sistema de antena, e as dúas pasaron o exame previo e, ademais, ningunha se fixera antes”, explica o investigador Borja González-Valdés en relación coas dúas aplicacións.
No caso da segunda patente, para a inspección de antenas, combinouse a experiencia adquirida na aplicación da detección de minas cos coñecementos sobre medida de antenas e emisións electromagnéticas do grupo da Universidade de Oviedo. Así, aproveitando o logros no posicionamento preciso dos drons, que é unhas dez veces mellor que a proporcionada por un GPS convencional e técnicas innovadoras de medida de antenas, é posíbel medir e diagnosticar o funcionamento dunha antena.

PUBLICIDADE