Investigadores de toda Europa xúntanse na UVigo para mostrar a confluencia entre acústica e TIC

martes, 19 de xuño do 2018 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo acolle estes días unha nova xuntanza investigadora de primeira liña, de cariz internacional e con vontade de abrir novos e enriquecedores vieiros de colaboración. Trátase das primeiras Xornadas en Acústica Avanzada, AcInTic, un encontro no que participan profesionais de todos os recantos de Europa (Alemaña, Holanda, Dinamarca, Noruega, Francia...) e que se dirixe a divulgar nas empresas, sobre todos nas locais, as múltiples posibilidades que permiten a aplicación dos recursos que abrollan da confluencia entre o son, por unha banda, e as novas tecnoloxías, pola outra. Sobre todo en sectores como o motor, a aeronáutica ou a enerxía.
Na apertura das xornadas participaron o profesor Manuel Sobreira, principal impulsor deste evento, o vicerreitor de Economía, José María Martín; o concelleiro de Facenda de Vigo, Jaime Aneiros e o director da escola, Íñigo Cuiñas, que coincidiron ao salientar “a importancia deste tipo de encontros profesionais dirixidos a transferir coñecemento ao tecido empresarial”.
Segundo fixo saber Cuiñas, “durante anos parecía que o ámbito TIC eran un e o industrial outro, e había como un muro no medio que nos separaba, pero pouco a pouco, e cada vez máis, ambos sectores vanse xuntando, o que fai a sociedade progrese a unha maior velocidade”. Ao seu xuízo, hai mancheas de exemplos do devandito, unha nova realidade que se impón na Industria 4.0, na ciberseguridade e, “por suposto”, na enxeñaría acústica. “Con estas xornadas dáselles visibilidade a unhas novas tecnoloxías que, ás veces, o mundo industrial non coñece e que, pola contra, poden serlle de proveito para resolver unha gran cantidade de problemas”, recalcou Cuiñas.
Durante toda a mañá houbo diferentes relatorios dedicados a cuestións de carácter técnico como a visualización de campos acústicos e a localización de fontes. Participaron expertos como Cástor Rodríguez, de Sound of Numbers, spin-off da Universidade de Vigo e entidade colaboradora das xornadas, quen afondou no eido do beamforming, tecnoloxías acústicas enfocadas sobre todo ao diagnóstico de fontes acústicas complexas, o que permite cousas como localizar vibracións producidas por defectos en maquinaria complexa e localizar onde se xera unha vibración ou a emisión dun ruído indesexábel.
Tamén interviñeron David Pérez Cabo e Daniel Fernández, procedentes de Microflown (Holanda), mostrando o potencial das aplicacións dos sensores vectoriais acústicos, tanto para a localización de fontes (por exemplo cazadores furtivos) como para a visualización e mapeado de campos acústicos xerados por fontes acústicas complexas (holografía acústica).
Houbo igualmente relatorios adicados á calidade acústica no ámbito do motor: un dirixido a realizar unha revisión de estándares e métodos de avaliación (Santiago Rayes, da empresa danesa Grass) e outra de Damián González sobre a experiencia do CTAG no test vibroacústico que eles realizan.
Este mércores as xornadas centraranse en cuestións relacionadas con intelixencia artificial no mundo da acústica, tecnoloxías que permiten desenvolver unha gran cantidade de aplicacións. “Debemos pensar que en moitas situacións, é a xeración dun evento acústico o que xera unha situación de alerta: a ruptura dunha condución de gas, unha caída, unha explosión ou, simplemente, o pranto dun bebé”, explican os organizadores.
Amais das diferentes conferencias, que terán lugar ao longo de toda a mañá, as xornadas dedicarán a quenda da tarde a sesións demostrativas das diversas tecnoloxías por parte dos principais patrocinadores das xornadas: Microflown, Müller BBM, Norsonic, Avantec e Gfai.

PUBLICIDADE