Investigadores do CINTECX propoñen mellorar con IA a seguridade viaria
venres, 8 de novembro do 2024
Mellorar a seguridade do transporte por estrada a través de tecnoloxías Digital Twin (xemelgo dixital) é o obxectivo do proxecto RoadS2Win. Para o seu desenvolvemento, o grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas, do CINTECX (UVigo), recibiu 212.500 euros da última convocatoria das axudas estatais Proxectos de Xeración de Coñecemento.
O catedrático e investigador principal de GeoTECH e do proxecto RoadS2Win, xunto a Joaquín Martínez Sánchez, Pedro Arias Sánchez, explica que “o concepto xeral do proxecto baséase no desenvolvemento dun xemelgo dixital, que consiste na representación virtual dunha realidade física, unida pola interconexión de datos dos tres elementos sinalados anteriormente (comportamento dos e das condutoras, calidade das infraestruturas e seguridade dos vehículos), que funciona en ambas as dúas direccións (realidade física/realidade virtual) e serve para axudar na toma de decisións mediante procesos de simulación en tempo real, sobre que medidas poden ser levadas a cabo para incrementar a seguridade viaria e a redución do risco de accidentes”.
Xunto aos investigadores Mario Soilán Rodríguez e Elena González Rodríguez, os IPS do proxecto centraranse en obter unha serie de indicadores de seguridade viaria, que poderán ser estimados en tempo real a través da tecnoloxía Digital Twin (DT), unha réplica virtual ou representación dixital dun activo físico, neste caso, por exemplo, unha estrada ou compoñente relevante de esta. “Esta réplica dixital funciona de maneira idéntica á súa contraparte do mundo real, pero unicamente no ámbito virtual. Utilizando tecnoloxías como o Internet das Cousas (IoT), Intelixencia Artificial e análise de software de simulación, os dixital twins xeran simulacións baseadas en datos do mundo real para predicir o rendemento e comportamento do activo”, explica Arias, que lembra que estes modelos úsanse para probas, simulacións, monitoraxe e mantemento ao longo do ciclo de vida útil de diferentes un activos, desde a súa concepción ata a súa disposición e posta en servizo.
O grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas do CINTECX, enfronta o proxecto Mellora da seguridade en estradas a través de tecnoloxías enfocadas ao Digital Twin coa experiencia acadada durante anos de traballo neste ámbito. “A través de varios proxectos de investigación foron feitas varias aproximacións o ámbito dos xemelgos dixitais, así como unha tese de doutoramento que esta a piques de ser defendida”, detalla o investigador do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo.