Investigadores do CITENI crean MFES, unha nova firma para mellorar a calidade de vida das persoas

xoves, 15 de febreiro do 2024 S. P.

Mellorar a calidade de vida das persoas mediante o desenvolvemento de solucións personalizadas de dispositivos, que inclúen o sector sanitario, deportivo, laboral e automotriz é a función da nova spin-off Motion and Force Engineering Solutions (MFES) desenvolvida polos investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC).
Máis polo miúdo, os investigadores: Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, baixo a iniciativa do enxeñeiro emprendedor Alejandro Vázquez, veñen de crear MFES, un fito significativo na traxectoria do LIM. Esta achega posibilita converter os resultados de investigación obtidos no campo da biomecánica do movemento humano en aplicacións prácticas para a sociedade.
As principais áreas de especialización de MFES son: o rexistro e avaliación da marcha e outros movementos humanos, a modelaxe e simulación do sistema musculoesquelético, as aplicacións de sensórica para análises biomecánicas e o deseño e avaliación de dispositivos tecnolóxicos para asistencia e exercicio.
A spin-off pon ao dispor do tecido industrial sanitario e as empresas vinculadas aos sectores do deporte e a saúde a súa experiencia investigadora. Ofrece servizos de tecnoloxía avanzada para a captura do movemento humano co valor engadido de proporcionar retroalimentación biolóxica (biofeedback) en tempo real a quen use ou supervise o tratamento terapéutico. E aínda que MFES está especializada na biomecánica do movemento humano, tamén ofrece servizos destinados á captura e análise do movemento animal para facilitar a aplicación e o desenvolvemento de solucións terapéuticas no ámbito da traumatoloxía veterinaria.
Dende a filial do LIM apostan tamén pola diversificación de servizos co obxectivo de ampliar a súa área de negocio cara a outros eidos: como o sector do lecer (captura do movemento humano para a súa aplicación en videoxogos), o laboral (estudos de ergonomía laboral) ou o sector dos seguros (análise forense), entre outros.