Investigadores do CITIC presentan en IMOL 2025 os seus avances en robótica aberta e autónoma

mércores, 17 de setembro do 2025 S. P.

Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Richard J. Duro e Alejandro Romero, participaron na sétima edición do Intrinsically Motivated and Open-ended Learning Workshop (IMOL 2025). No encontro presentaron o póster titulado A Motivational Architecture for Open-Ended Learning Challenges in Robots, elaborado xunto cos seus colegas do proxecto europeo Pillar Robots, Gianluca Baldassarre e Vieri Giuliano Santucci do CNR – Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione (Italia).
O traballo propón novas arquitecturas motivacionais que permiten aos robots afrontar de maneira autónoma e aberta distintos retos de aprendizaxe, “un avance fundamental cara a sistemas robóticos máis adaptativos e intelixentes”.
Por outra banda, o CITIC organizou este 16 de setembro o obradoiro Aliñamento a través do propósito en robots autónomos, que se celebrou na Facultade de Enxeñaría Eléctrica da Universidade Técnica Checa en Praga (CVUT). Este encontro interdisciplinar, abeirado á IEEE International Conference on Development and Learning (ICDL), reuniu expertos en robótica, IA, neurociencia, ética e psicoloxía para abordar como os sistemas autónomos poden aliñar a súa aprendizaxe e comportamento cos valores humanos, as normas sociais e os criterios de seguridade.
O obradoiro, coordinado por Alejandro Romero e Martín Naya Varela, contou como relatores convidados con Richard J. Duro (Universidade da Coruña), Vieri Giuliano Santucci e Gianluca Baldassarre (ISTC-CNR, Italia), e Niki Efthymiou (Universidade Técnica Nacional de Atenas, Grecia).