Investigadores do CITMAga logran avances no tratamento da vertixe botando man da IA

martes, 7 de xaneiro do 2025 S. P.

Un dos proxectos no que está a traballar na actualidade o CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) céntrase, botando man de tecnoloxías como a supercomputación, a IA ou a Aprendizaxe Máquina, na procura dun tratamento personalizado para os pacientes que presentan vertixe persistente.
Está coordinado por Alberto Pérez Muñuzuri, xunto a Ismael Arán Tapia, da facultade de Física da Universidade de Santiago. Os ensaios clínicos estanse a realizar en colaboración cos xefes de servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS, Andrés Soto; do HULA de Lugo, Marcos Rossi Izquierdo; e do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Ismael Arán González.
Tal como explican os investigadores, a orixe deste trastorno atópase no oído interno, que contén tres canles semicirculares, responsábeis da orientación nas tres direccións do espazo e que, polo tanto, contribúen ao equilibrio. Nas persoas que sofren vertixe, explican, “prodúcese unha estimulación incorrecta destas canles ao cambiar a posición da cabeza, o que lles provoca unha falsa sensación de movemento ou de rotación”. Engaden que este trastorno adoita desenvolverse cando algunhas das partículas de calcio despréndense do seu lugar habitual no utrículo e introdúcense nas canles semicirculares. Estas partículas alteran o movemento do líquido endolinfático presente no interior dos canles cando a cabeza cambia de posición. Como consecuencia, o cerebro recibe unha información contraditoria, o que provoca que as persoas afectadas experimenten a sensación de estar caendo ou de que todo se move ao seu redor.
A solución é sacar as boliñas dese labirinto, polo que cómpre coñecer en que canle están. “O problema xorde no caso das persoas que teñen unha xeometría particular nas canles do oído, de xeito que as manobras habituais que se empregan para pacientes con vertixe non funcionan para elas”, salienta Muñuzuri, engadindo que “para resolver este problema, a través dunha proba médica non invasiva como é unha resonancia magnética, xunto a avanzadas técnicas de procesado de imaxes, obtemos unha imaxe en 3D da xeometría das canles interiores do oído; e de aí extraemos a información necesaria que nos permite desenvolver algoritmos baseados en Intelixencia Artificial e Aprendizaxe Máquina (Machine Learning), coa finalidade de poder modelar e simular a dinámica do líquido endolinfático e a súa interacción coas partículas de calcio desprendidas, responsábeis da vertixe”.
Realizando as simulacións no Centro de Supercomputación de Galicia
Fontes do CITMAga explican que por unha banda o equipo desenvolveu unha ferramenta que “permite reconstruír a canle membranosa por onde se move o fluído”. O seguinte paso foi incluír nesta ferramenta as ecuacións matemáticas do movemento do fluído e das partículas, de cara a simular e resolver o problema, co propósito de poder aplicar tratamentos personalizados a estes pacientes. Os investigadores realizan as simulacións no Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA.
O equipo dispón dunha cadeira especial, doada de xirar, de xeito que os médicos poden poñer ao paciente na dirección desexada. “Esta cadeira permítenos seguir as indicacións proporcionadas polas simulacións con gran precisión. Ademais, grazas a unhas gafas especiais, podemos ver se o tratamento se está aplicando correctamente” -indican-.