Investigadores do Campus de Pontevedra usarán drons para estudar os efectos dos nosos cabalos sobre a biomasa

mércores, 13 de xuño do 2018 Redacción

Segue adiante o proxecto de investigación Estudo e Conservación do Cabalo Galego do Monte, impulsado por dúas equipas de investigación do Campus de Pontevedra (o grupo AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal e o grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación), con financiamento da Fundación Biodiversidade. Este proxecto, como lembraremos, quere afondar no estudo do comportamento dos nosos cabalos salvaxes, co fin de avaliar (entre outras cousas) os efectos que provocan sobre a biomasa. A investigación levarase a cabo con drons e con tecnoloxías avanzadas de seguimento, monitoraxe e análise.
O proxecto colleu un impulso extra esta mesma semana, logo de que unha ducia de exemplares de cabalo galego do monte, doados por gandeiros e propietarios forestais do municipio de Cerdedo-Cotobade, fosen trasladados e ceibados nunha parcela pechada de 100 hectáreas xestionada pola Comunidade de Montes Veciñ. A solta, como dixemos, permitirá avaliar os efectos que a presenza desta raza autóctona ten sobre a vexetación, e polo tanto, “na redución de biomasa dispoñíbel ante posíbeis incendios forestais”, como explica a investigadora da EE Forestal Xana Álvarez.
A presenza desta manda de cabalos neste espazo permitirá aos investigadores e investigadoras da EE Forestal realizar unha estimación “máis real da cantidade de biomasa que consumen”, análises que, coa colaboración da empresa Xeométrica, realizaranse con drons. Segundo explica Ḉalvarez, “imos facer unha serie de voos en diferentes períodos do ano cos que coñecer o efecto modelador que o cabalo ten sobre diferentes especies vexetais, como por exemplo o toxo”. Tamén se quere comprobar “se estas tecnoloxías serven para facer censos de animais salvaxes”.
Seleccionado na convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva do ano 2017 da Fundación Biodiversidade, o proxecto que o grupo AF4 desenvolve xunto ao grupo Sepcom ten como eixo “o estudo e conservación desta raza autóctona de Galicia, unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen actualmente en Europa”.

PUBLICIDADE