Investigadores dos nosos campus impulsan unha aplicación web para loitar contra a desinformación política

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

O grupo da UVigo, formado por Julia Fontenla, Mónica Valderrama, Xosé Rúas, Talía Rodríguez, Iván Puentes e Montse Vázquez

As nosas tres universidades presentaron este 21 de xaneiro os detalles dun proxecto tecnolóxico (DEBATrue) que axude a separar, na información política, o gran da palla. Máis polo miúdo, trátase dunha iniciativa para crear unha aplicación web que permita automatizar a detección de informacións falsas. Posibilitaría cousas como saber se as afirmacións dun representante política nun debate son certas ou non. DEBATrue xunta un destacado grupo de especialistas dos nosos campus no desenvolvemento de aplicacións informáticas, en minería de datos en redes sociais e modelos de confianza e reputación, así como no ámbito da ciberseguridade e as conspiracións.
Este é o principal obxectivo do proxecto DEBATrue, que, co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinan os investigadores do grupo CP2, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto.
Vinte investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos integran o equipo de traballo, entre os que están os docentes da UDC Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage, da Universidade da Coruña; así como os investigadores da UVigo Manuel Pérez Cota, Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Andrés Mazaira, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla; aos que se suman os investigadores Francisco Javier Paniagua, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada; e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.
Segundo informan dende a Universidade da Coruña, esta iniciativa está dirixida “a contribuír á loita contra a desinformación a través da identificación de datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral”. O propósito específico do proxecto, que se desenvolve ata 2023, é “tratar de sumar aos actuais procesos manuais de verificación, unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que se acelere a comprobación e verificación da información e poidan rebaterse, antes de que se viralicen, as posíbeis afirmacións falsas ou inexactas realizadas no transcurso dun debate electoral”.
Seleccionado na convocatoria Prueba de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación, DEBATrue. Lucha contra la desinformación y criterios de valor en los debates electorales en televisión y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain é froito dos esforzos en transferencia tecnolóxica do noso tecido investigador, que, neste caso concreto, quixeron poñer o seu coñecemento ao servizo da cidadanía para dar forma a unha plataforma de verificación de acceso libre e gratuíto. Trátase, así mesmo, dunha iniciativa derivada da investigación sobre debates electorais televisados DEBATv, que o grupo CP2 desenvolveu no marco do programa Retos de la Sociedad.
Co “propósito tanto de identificar posíbeis afirmacións falsas no propio debate, como aquelas que a raíz deste poidan xurdir nas redes sociais”, o proxecto abrangue a aplicación de técnicas e ferramentas de aprendizaxe automática ou Machine Learning aos procesos de verificación de datos, así como a creación dun bot de análise conversacional e medición da actividade e impacto na rede social Twitter dos debates televisivos. A través destas ferramentas, buscarase tratar de “automatizar ou semiautomatizar este proceso de verificación de datos”, explica Rúas, que matiza que o proxecto implicará tanto o traballo con “datos de grao 1”, aqueles que poden comprobarse en bases de datos de acceso público, como con informacións “de grao 2”, que obrigarían xa “á súa comprobación de forma manual”.
A nivel tecnolóxico tamén botará man do que se coñece como cadea de bloques (blockchain) na procura de achegar “un sistema de verificación de información aberto e descentralizado, creado sobre principios de gobernanza éticos e transparentes e sustentado en datos de acceso aberto”. Deste xeito, como recolle a memoria, proxéctase que esta ferramenta en liña permita non só coñecer que informacións son verdadeiras, falsas, incertas ou inexactas, senón poder tamén acceder á fonte orixinal ou proba de veracidade, como serían as bases de datos que xustificarían a exactitude ou inexactitude da afirmación.
Segundo explica Laura Castro, profesora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial na Facultade de Informática da UDC, “desde a parte informática, o que máis me gusta deste proxecto é que temos como obxectivo principal que a validación da información, fact-checking, sexa explicada ás persoas que vaian usar a plataforma; é dicir, non só axudar á xente a saber se unha afirmación ou dato ten base e se pode contrastar, senón que se saiba como, de que xeito, o sistema chega a esa conclusión. Estamos rodeadas de algoritmos que toman decisións que ninguén nos explica: en cambio, DEBATrue vai aportar á cidadanía unha nova ferramenta software na que non imos ter que confiar, senón que vai ser transparente en todo o que fai desde o seu deseño”.

PUBLICIDADE