Investigadores e alumnado da UVigo impulsan unha aplicación para mostrar a nosa historia

mércores, 15 de novembro do 2017 Redacción

Estes días estase estase a probar dende a Universidade de Vigo unha aplicación que impulsa o coñecemento da cultura e da historia, e faino tirando proveito da tecnoloxía semántica e do reemprego de contidos dixitais. A ferramenta desenvolveuse ao abeiro do proxecto europeo CrossCult e nel participan, xunto con outros dez entidades sociais, investigadores da Facultade de Historia do Campus de Ourense e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de. Entre outras cousas, CrossCult salienta por abrir novas e interesantes vías de colaboración entre investigadoras/es TIC e investigadoras/es de humanidades e ciencias sociais. O alumnado de Historia traballou os días pasados pondo a proba a primeira versión da dita aplicación. Unha das equipas colaboradoras é o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT. A aplicación, sinala o grupo, consiste nunha ferramenta que conecta diferentes enclaves arqueolóxicos europeos de época romana ligados á auga e á saúde.
Este enclaves son o Balneario de Lugo; o Balneario de Chaves, en Portugal; Montegrotto Terme, en Italia, e o Santuario de Epidauro, en Grecia. A ferramenta, en palabras da dita equipa, busca ofrecer aos visitantes de cada un destes emprazamentos históricos información específica sobre eles pero tamén información que os vencelle con outros enclaves citados, poñendo o foco “no moito que une á cultura europea”. O obxectivo último é “acadar que a información sobre cada xacemento chegue ao maior número de xente e do xeito máis ameno posíbel”.
Con esta meta fixada e unha vez rematado o primeiro bosquexo da aplicación, este mes de novembro o alumando da Facultade de Historia do campus de Ourense está a colaborar no proxecto probando a primeira versión da dita tecnoloxía en dous xacementos próximos: o de Lugo e o de Chaves. Se hai uns días, alumnado do centro acudiu ao balneario lucense para coñecer a súa historia e probar in situ a ferramenta, este venres fará o mesmo no Balneario de Chaves, en Portugal. Segundo informa a Universidade de Vigo, as visitas permiten aos estudantes coñecer o pasado romano e termal destes enclaves e logo tirar partido da aplicación e a súa utilidade en base ao coñecemento adquirido. A ferramenta, por certo, ten feitura de xogo, con preguntas, respostas e ligazóns.
As investigadoras de GEAAT engaden, a respecto da participación dos estudantes, que as valoracións e achegas recibidas permitirán “ir mellorando a aplicación a medida que se constrúe, contribuíndo ao obxectivo de facela o máis atractiva e fácil de manexar posíbel”. O grupo tamén ten a previsión de que o público xeral avalíe a eficacia do recurso informático, antes de pechar deseño e contidos.

PUBLICIDADE