Investigadores galegos traballan nun proxecto para obter tinta de grafeno para impresoras 3D

mércores, 18 de febreiro do 2015 Redacción

A investigadora galega Esther García-Tuñón está a liderar un grupo científico, posto en marcha ao abeiro do Imperial College de Londres, para impulsar o desenvolvemento de tinta de grafeno para impresoras 3D. Como lembraremos, o grafeno é un material de grandes posibilidades en múltiples eidos industriais, mesmo para facer posíbel o afianzamento da batería ideal (o grafeno permite moita máis durabilidade e capacidade có litio, e abrindo marxe para tamaños moito máis reducidos) pero que tamén fornece un importante potencial no ámbito da impresión. De feito, poderíase empregar en impresoras 3D de xeito directo. As súas características principais (ten feitura de retícula hexagonal bidimensional, no canto de estrutura tridimensional) fan que este material sexa duro e resistente á par que flexíbel. Agora, o equipo da santiaguesa Esther García-Tuñón quere tirarlle partido para a nova era da impresión.
Como dixemos, a investigación realizouse no Imperial College de Londres, en Reino Unido, por un colectivo liderado pola devandita investigadora galega xunto aos seus colegas Suelen Barg, Victoria García Rocha, Eleonora D’’elia, Eduardo Saiz Gutiérrez e Robert Maher. Tamén achegan a súa experiencia científicos da Universidade de Warwick e a Universidade de Bath; Francisco Guitián, da Universidade de Santiago de Compostela, e Jaime Franco, da empresa galega Keramat, situada no Poligono Novo Milladoiro da Coruña.
O equipo traballou no achado de novas formas de producir grafeno para que este poida ser empregado en impresoras 3D e crear, polo tanto, estruturas tridimensionais (do bidimensional ao tridimensional). Usaron o devandito material modificado quimicamente (óxido de grafeno, GO, e redución de óxido de grafeno, rGO), ao que xuntaron unha miúda porcentaxe de polímero tamén modificado. O resultado: unha tinta con base de auga que amosa a textura e a consistencia axeitada para dar forma a un material definido e fixo que sexa quen de saír por unha embocadura. Ou sexa, un proceso análogo á impresión 3D incluíndo fabricación por filamento fundido.
Segundo informan os investigadores e reflicte o Imperial College, a técnica de crear estruturas tridimensionais a partir de materiais bidimensionais, como o grafeno, recibe o nome de impresión directa de tinta (DIW), tamén coñecida como impresión e ensamblado directo (DWA) ou robocasting. Sinalar tamén que a tinta ou pasta creada permite empregar embocaduras de só 100 micras de diámetros.
Os investigadores están xa traballando noutras liñas complementarias e desenvolvendo aplicacións como dispositivos electrónicos flexíbeis, membranas para limpeza de verteduras de combustíbeis ou sensores de presión para a pe’’ de robots, engaden.


Vídeo do Imperial College no que dan conta da impresión en 3D con grafeno

PUBLICIDADE