Investigan unha suposta fraude en subvencións xestionadas por Gradiant

mércores, 9 de agosto do 2017 Redacción

O diario La Voz de Galicia dá conta hoxe dunha investigación do xulgado de instrución nº 1 de Vigo na que estarían involucrados Jorge Cebreiros (CEP, Ineo e InfoJC), Manuel Varela (exdirector xeral de Innovación da Xunta de Galicia) e José Luis Fernández Carnero (Televés) por un suposto delito de apropiación indebida de subvencións europeas para a promoción da innovación tecnolóxica en Galicia.
Segundo a información publicada, a Fiscalía quere clarexar se os investigados forman parte dunha trama que xeraba facturas falsas de xeito sistemático para inflar gastos e a bolsa de horas de traballo de enxeñaría para xustificar e cobrar as subvencións europeas xestionadas por Gradiant, entidade da que os tres investigados formaban parte do padroado.
A investigación parte da denuncia dun exdirectivo de Gradiant, despedido ha dous anos, quen descubriu catro facturas falsas por importe de 55.000 euros que non se correspondían con traballos reais, o que levou á Fiscalía a estudar se os implicados crearon ou autorizaron proxectos pantasma de innovación para facerse con cartos de subvencións europeas para proxectos de I+D+i. Tamén se investiga se o que podería ser un acto puntual podería terse convertido nunha trama a grande escala.
Estamos ante unha investigación que podería declararse complexa, polo que a súa instrución prolongaríase até maio de 2018, pola grande cantidade de documentación e material informático por investigar.
O xornal coruñés tamén recolle a resposta de Jorge Cebreiros ante as acusacións contra a súa persoa, o que considera que pode tratarse simplemente do froito do resentimento por un despedimento, engadindo que os investigados e o sector está «estrañado» pola denuncia.

ACTUALIZACIÓN: Ante as informacións publicadas por La Voz de Galicia o socio director de InfoJC, Jorge Cebreiros, comunicou o seguinte:
- Como director da compañía InfoJC e membro do Padroado do Centro Tecnolóxico Gradiant en representación da Asociación INEO até 2015, a súa compañía participou en proxectos de innovación, concretamente 2 nos últimos 5 anos, en cooperación con outras compañías tecnolóxicas, algúns deles cofinanciados con fondos europeos
- Que devanditos proxectos estiveron sometidos a auditoría, inspección e supervisión, con criterios de transparencia e máximo rigor por parte dos organismos públicos autonómicos, estatais e comunitarios, e conduciron a resultados contrastados e implantados
- Nunca se produciu anomalía algunha na facturación ou outras actuacións de índole económica nestes proxectos nos que participou InfoJC, tal como puxeron de manifesto todos os informes e auditorías, tanto económicas como técnicas, realizadas polas diferentes Administracións
- No procedemento por despedimento dun traballador de Gradiant, hai 2 anos, xa se facía referencia a estas supostas irregularidades. Iniciada a correspondente investigación, a denuncia non prosperou e foi arquivada
- Jorge Cebreiros sempre prestou, e seguirao facendo, total colaboración coa Xustiza para esclarecer de maneira definitiva estes feitos, e solicita que se deixe actuar á Xustiza, entendendo que canto máis se investigue sobre o bo uso e finalidade de calquera vía de financiamento público, máis transparencia e garantías de control achegarase aos proxectos de innovación.

PUBLICIDADE