Isabel Rodríguez anuncia a apertura do prazo de solicitude de axudas do Kit Dixital
xoves, 12 de decembro do 2024
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, vén de anunciar a apertura do prazo de presentación de solicitudes das axudas de Kit Dixital para as medianas empresas, “unha nova oportunidade para o tecido empresarial lucense” a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Rodríguez explicou que desta volta a contía das axudas do bono dixital será de 25.000 euros para aquelas empresas de entre 50 e menos de 100 empregados e de 29.000 euros para as empresas cuxo número de traballadores sexa de entre 100 e menos de 250 empregados.
A subdelegada lembrou que desde hoxe “xa se pode solicitar a axuda a través da sede electrónica de Red.es, prazo que estará aberto ata o 30 de xuño de 2025”.
As empresas poderán acceder a un catálogo que por vez primeira conta con tecnoloxías de Intelixencia Artificial, con 14 solucións actualizadas e adaptadas ás súas necesidades: comercio electrónico, xestión de redes sociais, xestión de clientes, business intelligence e analítica, xestión de Procesos, xestión da facturación e factura electrónica, servizos e ferramentas de oficina virtual, comunicacións seguras, ciberseguridade, presenza avanzada na Internet, servizo de ciberseguridade xestionada, xestión de clientes con IA asociada, business intelligence e analítica e IA asociada e xestión de procesos con IA asociada.
O programa Kit Dixital impulsado polo Goberno de España e xestionado por Red.es está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a axenda España Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.