Isabel Rodríguez entrega os carnés de ciberexpert@s aos alumnos do CEIP Albeiros

xoves, 19 de decembro do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acudiu esta mañá ao CEIP Albeiros, en Lugo, para colaborar xunto coa Policía Nacional na entrega de carnés de ciberexpert@ que están a recibir escolares da provincia. A subdelegada agradeceu aos colexios o interese posto en solicitar estas actividades do Plan Director, que outorgan ferramentas para traballar a prevención do ciberacoso e a violencia machista.
A subdelegada, acompañada polo formador do Plan Director da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e a directora do centro, Isabel Seijas, realizaron a entrega de 46 carnés a nenos e nenas de 6º de Primaria. A subdelegada felicitou a estes alumnos polo seu esforzo á hora de adquirir coñecementos en materia de educación no ámbito tecnolóxico, así como de protección ante os posíbeis perigos existentes.
Isabel Rodríguez destacou que “estas formacións permiten aos alumnos e alumnas da provincia estar máis preparados para facer fronte aos riscos da Internet e saber como proceder e actuar ante as posibles ameazas”. Tamén agradeceu a predisposición do centro para acoller os obradoiros e a capacidade da Policía Nacional de facer chegar a múltiples colexios “información moi valiosa para o seu desenvolvemento como persoas, obtendo máis preparación e diminuíndo as condutas de risco e todas as consecuencias que se podan derivar delas”.