Isabel Rodríguez fai un chamamento á transformación tecnolóxica dende a sede de Estati.co

venres, 5 de agosto do 2022 S. P.

A subdelagada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou esta semana a sede da emprea Estati.co, unha das firmas-axentes de transformación tecnolóxica adheridas ao programa Kit Dixital, dun total de 8.700 colaboradores adheridos. Fíxoo acompañada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Asociación de Empresarios Novos, Ramón Díaz.
Na súa estadía Rodríguez anunciou que as axudas da segunda convocatoria do programa Kit Dixital, dirixida a empresas de 3 a 10 empregados, poderán solicitarse a partir de 2 de setembro e durante un ano. Tamén fixo saber que na primeira fase solicitaron o bono máis da metade das empresas da provincia de Lugo de 10 a 49 empregados. “O prazo para este segmento de empresas aínda está aberto até o 15 de setembro”, sinalou tamén, salientando as oportunidades que este programa, nas súas dúas edicións complementarias, pon a disposición dos pequenos empresarios e emprendedores lucenses para “mellorar a súa competitividade e modernizarse coas axudas á dixitalización do programa Kit Dixital”.
Isabel Rodríguez destacou que “o Goberno está implicado en modernizar o tecido empresarial e, para logralo, aproveita fondos do Plan de Recuperación para favorecer a dixitalización das pequenas empresas, obxectivo ao que destinará 3.067 millóns de euros durante tres anos”.
Tamén indicou que o programa Kit Dixital é “unha axuda do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que marcará un antes e un despois na dixitalización de pequenas empresas, emprendedores e autónomos de todos os sectores produtivos”, indicou a subdelegada.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a importancia das axudas do Goberno Central “destinadas ao tecido económico, que permitirán que se consoliden e xeren novos proxectos empresariais cun impacto social positivo de carácter innovador, que sen dúbida impulsará a recuperación, consolidación e crecemento do investimento privado local”.
Segunda fase
A subdelegada anunciou que o Ministerio acaba de convocar a segunda fase do programa. Neste caso, as axudas destínanse a empresas que teñen de 3 a 10 empregados. A convocatoria, que ten unha dotación inicial de 500 millóns de euros, publicouse onte, martes, no Boletín Oficial do Estado.
O prazo para as solicitudes desta segunda fase do Kit Dixital abrirase o día 2 de setembro e prolongarase durante doce meses. As axudas poden solicitarse a través da sede electrónica de Red.es, que é quen xestiona os bonos.
Neste caso, a contía da axuda será de 6.000 euros. Con ela as pemes poderan adquirir as solucións de dixitalización para áreas clave como: sitio web e presenza en Internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; a xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras, e ciberseguridade. Ademais, nesta segunda convocatoria, engádense dúas novas categorías como son presenza avanzada en Internet e marketplace.
O programa Kit Dixital contará cunha terceira fase, que se destinará a autónomos e micropemes que teñen menos de 3 traballadores ou que non teñen ningún.

PUBLICIDADE