Isabel Rodríguez felicita ao persoal da Biblioteca de Sober polas súas innovadoras propostas de fomento da lectura

xoves, 3 de novembro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou este xoves 3 o concello de Sober para felicitar ás traballadoras da Biblioteca Pública polo “seu intenso traballo na promoción da lectura nos veciños e veciñas que residen no termo municipal” e tras ser recoñecida co Premio María Moliner que concede o Ministerio de Cultura e Deporte. Rodríguez reuniuse co alcalde, Luis Fernández, e coas traballadoras, Julia Fernández e Dunia Rodríguez, para coñecer de primeira man o traballo diario destas profesionais.
A subdelegada puxo en balor o seu traballo para incrementar e dinamizar a comunidade local de lectoras e lectores de Sober a través de lecturas telemáticas, coa posta en marcha dun club de lectura, coas merendas con contos, cos obradoiros de narración e de novas tecnoloxías (sobre navegación segura, mecanografía, Playcómic, etc), ou con actividades para estimular a memoria e as capacidades cognitivas das persoas maiores,
Todas estas actividades, sumadas a outras moitas, están a desenvolverse ao abeiro do proxecto Sober coa lectura. “Sodes un exemplo de compromiso co rural e a súa veciñanza, incentivando e fomentando a lectura nun municipio pequeno, con 2.200 habitantes, onde é máis difícil o acceso á literatura”, destacou Rodríguez quen informou que a iniciativa da Biblioteca de Sober é un dos 370 proxectos premiados en toda España e a única na provincia de Lugo.
Neste senso, a subdelegada avanzou que este recoñecemento do Goberno vai acompañado dunha achega económica de 2.777 euros destinada á compra de libros para ampliar o catálogo do centro. “Queremos que sigades con esta liña de traballo para acadar un dos obxectivos deste programa: achegar a literatura e a cultura a calquera persoa, independentemente de onde resida”, apuntou.
Os Premios María Moliner, que organiza o Ministerio de Cultura e Deporte coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias, son un concurso dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes, a través da cal se premian os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas, co obxectivo de fomentar a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente entre nenos e novos.

PUBLICIDADE