Isabel Rodríguez felicita aos 25 estudantes do colexio Divino Maestro por conseguir os carnés de ciberexpert@

luns, 11 de decembro do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou esta mañá na entrega dos 25 carnés de cibexpert@ aos alumnos e alumnas de 6º de primaria do colexio Divino Maestro. A subdelegada destacou a importancia de que os menores saiban usar as novas tecnoloxías e coñezan ferramentas para protexerse na Rede.
Rodríguez estivo acompañada polo formador da Policía, Rubén Darío Veiga; o director do centro, José Luis García; e a orientadora, Mónica González, agradecendo o esforzo das alumnas e alumnos por completar o programa desenvolvido pola Policía Nacional para dar unha formación ao alumnado en materia de uso seguro de Internet, o que implica acceso a redes sociais ou adiccións na Rede, entre outros temas.
“Con este plan formativo todo o alumnado aprende a empregar as redes sociais e controlar os perigos destas, así como a forma de actuar que deben adoptar ante casos que amosan un uso indebido das TIC”, explicou a subdelegada, agradecendo o importante labor despregado neste ámbito pola Policía Nacional.
Estes alumnos forman parte da primeira remesa de nenos e nenas que recibiron o seu carné de ciberexpert@ neste curso 2023/2024, e está previsto que máis escolares reciban estas acreditacións que lles certifica a realización dunha formación centrada en detectar os perigos da rede e actuar de forma correcta, rematando cun test final de coñecementos. O programa abordou con expertos da Policía Nacional o ciberacoso, as adiccións dixitais, a suplantación de identidade, o acceso a contidos inapropiados, a xestión da privacidade ou a mediación parental.
Neste senso, o Goberno aposta polo uso das novas tecnoloxías seguras e a dixitalización das aulas na provincia, por iso o colexio tamén acadou unha subvención de 19.514,88 euros para avanzar no proceso de dixitalización, adquirindo pantallas interactivas e novos equipamentos informáticos en 7 aulas do centro grazas á financiamento con cargo aos fondos Next Generation da UE e ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.