Isabel Rodríguez loa a capacidade de transformación as pemes lucenses
xoves, 17 de outubro do 2024
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou este 17 de outubro o “firme compromiso do Goberno coa transformación dixital das pequenas e medianas empresas”. Fíxoo durante un encontro con responsables da empresa lucense Rafer, adxudicataria das axudas da 2ª convocatoria Xeración Dixital Pemes do Ministerio de Industria e Turismo.
Durante o encontro, Rodríguez subliñou a importancia destes apoios, que permitirán a 350 persoas recibir formación “sobre cuestións fundamentais como ciberseguridade, facturación electrónica, automatización de procesos ou acceso a subvencións”. Esta formación está dirixida tanto a persoas autónomas como aos traballadores/as das pemes que necesiten actualizar ou desenvolver competencias en dixitalización, co fin de mellorar o rendemento das súas empresas.
“O Goberno está comprometido con proporcionar ao tecido empresarial as ferramentas necesarias para adaptarse á contorna dixital. Este programa non só incrementará as competencias dixitais, senón que tamén contribuirá a mellorar a produtividade e competitividade das empresas, impulsando o seu crecemento e a súa capacidade para competir en mercados internacionais”, sinalou Rodríguez.
Con esta nova convocatoria prestarase especial atención ao rural “á hora de captar alumnado interesado co fin de facilitar os procesos, por exemplo, no sector da agricultura e a gandería á hora de actualizar o caderno dixital de obrigado cumprimento”. Tanto a subdelegada como a empresa adxudicataria lembraron que estas formacións son de balde e que se poderán adaptar ás necesidades concretas de cada peme.