Ismael Nafría mostra na Coruña a transformación dixital de The New York Times

xoves, 2 de novembro do 2017 Redacción

Ismael Nafría, referente profesional multimedia e profesor especializado en Medios Dixitais (amais de autor de La reinvención de The New York Times), estará esta semana (os días 2 e 3) na Coruña participando arreo no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA) que organizan (no seo da UDC) a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Amancio Ortega. Nafría concorrerá no master para impartir unha clase maxistral sobre medios de comunicación. Nestas dúas xornadas, os estudantes coñecerán polo miúdo o proceso de innovación que experimentou o devandito xornal norteamericano (a “dama gris do xornalismo”) durante os últimos anos para afianzarse de cheo na era dixital: nos computadores dos lectores e, tamén, nos seus smartphones e tabletas.
Asemade, o alumnado do master terá oportunidade de coñecer en detalle “os profundos cambios que sufriron os modelos de negocio da industria da comunicación, especialmente desde a aparición de Internet, e como os usuarios cambiaron os seus hábitos de consumo de información”.
Ismael Nafría foi xornalista en residencia durante o curso 2016-17 do Centro Knight para o Xornalismo nas Américas da Universidade de Texas en Austin e embaixador para España da organización internacional sen ánimo de lucro SembraMedia, dedicada a impulsar o traballo de emprendedores en medios dixitais nos mercados de fala hispana. Foi director de contidos dixitais e de innovación dixital do Grupo Godó (2008 - 2016) e subdirector de contidos de Prisacom (2005 - 2008).

PUBLICIDADE