IurisTICGal 2022 afondou nas oportunidades do metaverso no ámbito xudicial
venres, 21 de outubro do 2022
Este
20 de outubro, baixo o lema Antoloxía 2010-2022, celebrouse
na Cidade da Cultura un dos grandes acontecementos tecnolóxicos da
tempada: a
edición número once da Xornada de Informática Xudicial e Delitos
Informáticos, IurisTICGal 2022, do Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG). Foi novamente
unha oportunidade inmellorábel para facer avanzar o noso coñecemento
en ciberseguridade e en todos aqueles espazos onde conflúen xustiza,
investigación de delitos e novas tecnoloxías da información. Nun
plano máis específico, este ano tocou poñer o foco no metaverso,
cun programa de actividades profundou nas posibilidades que ofrece
este novo mundo virtual para o sistema xudicial.
No
acto de apertura interviñeron o director xeral de Xustiza, José
Tronchoni, o director da Axencia para a Modernización de Galicia,
Julián Cerviño e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. No encontro
foron abordadas temáticas como a dixitalización da Administración
de Xustiza en Galicia, o presente e futuro do sistema xudicial e a
defensa dos dereitos fundamentais nun mundo dixital.
O
maxistrado da Audiencia Nacional, Joaquín Delgado Martín, primeiro
relator do evento, remarcou na súa intervención que “o cidadán
ten que ser o centro da Xustiza. No caso contrario, pode haber
consecuencias negativas”. Pola súa banda, a directora de
Administración Dixital da AMTEGA, María José García, apostou por
"avanzar na calidade do dato e reducir a presencialidade con
todas as garantías". Ofelia Tejerina, avogada experta en TIC e
presidenta da Asociación de Internautas falou de “pseudonimato,
liberdades, dereitos e metaverso, e como se ven afectados polos ceros
e uns”.
Eloy
Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional e un dos expertos que ano
tras ano deixan a súa pegada na xornada do CPETIG, arrancou a súa
presentación sobre a proba electrónica e Intelixencia Artificial
deixando dous interesantes titulares: “O Dereito imponse porque a
Intelixencia Artificial equivócase” e “o Dereito é o único
límite de calquera invención humana”.
Yago
Reboyras, xefe do Grupo de Ciberdelincuencia da Policía Nacional na
Coruña, alertou de que en 2020 a cifra nesta área foi de 5,5
billóns de euros “porque é máis rendible e ten menos riscos”.
Advertiu tamén que “hoxe non é precisa demasiada formación
delitiva para levala a cabo”.
A
cita rematou cunha mesa redonda na que participan os relatores con
preguntas do público.
Correspondeu
ao presidente do CPETIG, Marcos Mata, agradecer a participación dos
relatores e a implicación dos participantes e á AMTEGA por
colaborar no desenvolvemento desta actividade.