IurisTICGal afondará esta semana nas oportunidades do metaverso para o sistema xudicial
martes, 18 de outubro do 2022
Esta
semana, o xoves 20 de outubro, vai se celebrar en Santiago, na Cidade
da Cultura, un dos grandes acontecementos tecnolóxicos da tempada: a
edición número once da Xornada de Informática Xudicial e Delitos
Informáticos, IurisTICGal 2022, do Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG). Será
novamente unha oportunidade inmellorábel para facer avanzar o noso
coñecemento en ciberseguridade e en todos aqueles espazos onde
conflúen xustiza, investigación de delitos e novas tecnoloxías da
información. Nun plano máis específico, este ano toca poñer o
foco no metaverso, cun programa de actividades que busca afondar nas
posibilidades que ofrece este novo mundo virtual para o sistema
xudicial.
No
acto de apertura intervirá o director xeral de Xustiza da Xunta,
José Tronchoni, o director da Axencia para a Modernización de
Galicia, Julián Cerviño e o presidente do CPETIG, Marcos Mata.
No
encontro tamén serán abordadas temáticas como a dixitalización da
Administración de Xustiza en Galicia, o estado actual e futuro do
sistema xudicial e máis a defensa dos dereitos fundamentais nun
mundo dixital.
A
undécima edición do evento volve celebrarase de forma presencial a
través de cinco relatorios maxistrais e unha mesa redonda final que,
baixo o fío temático de O Dereito e a Tecnoloxía, enténdense
como deberían?, contará con relatores de destacada
traxectoria. Son os que citamos a continuación:
•
Joaquín Delgado Martín. Maxistrado da Audiencia Nacional (Sala do
Penal) e ex director do Servicio de Modernización y Organización
Judicial del Consejo General del Poder Judicial (CGPJ).
•
María José García. Directora da Área de Administración Dixital
da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
•
Ofelia Tejerina. Avogada experta en TIC e presidenta da Asociación
de Internautas. Doutora en Dereito Constitucional pola UCM, e
doutoranda na Universidade Pontificia de Comillas. Autora do libro
Seguridad del Estado y Privacidad (editorial Reus, 2014).
•
Eloy Velasco. Maxistrado da Audiencia Nacional. Ex director xeral de
Xustiza da Generalitat Valenciana. Investigador destacado da
aplicación do Dereito ás novas tecnoloxías e autor de libros como
Ejecución de Sentencias Penales (editorial Cólex, 1994) e
Delitos Tecnológicos: definición, investigación y prueba en el
proceso penal” (editorial Sepin, 2016), entre outros.
•
Yago Reboyras. Inspector da Policía Nacional e xefe do Grupo de
Ciberdelincuencia na Coruña, desde o ano 2005.
Esta
actividade, que este ano realiza unha retrospectiva polas edicións
anteriores, volve a converter a Galicia nun punto de encontro e de
networking, onde coñecer as últimas iniciativas postas en
marcha para impulsar a modernización xudicial. De igual xeito,
aborda os desafíos que enfronta a Administración de Xustiza, nun
mundo onde a dixitalización abre as portas a grandes oportunidades e
retos.
O XI
IurisTICGal, como en pasadas edicións, está impulsado polo CPETIG,
no marco do Convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a
Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), para a realización de
actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das
tecnoloxías da información en Galicia.
Quen
precise coñecer mais información e descargar o programa completo
desta nova edición (Antoloxía 2010-2022),
pode facelo a través da web
específica do foro.