Jack Dorsey anuncia unha aplicación de mensaxería descentralizada baseada en Bluetooth

luns, 7 de xullo do 2025 Redacción

Jack Dorsey, cofundador de Twitter e actual director xeral de Block, vén de presentar Bitchat, unha aplicación de mensaxería descentralizada que funciona exclusivamente a través de redes Bluetooth, sen conexión a Internet nin infraestrutura centralizada.
A aplicación, nace como un experimento de fin de semana do propio Dorsey. Emprega unha tecnoloxía de rede mesh Bluetooth que permite a comunicación directa entre dispositivos próximos, actuando cada un como un nodo que axuda a estender o alcance da rede.
Dorsey asegura que a súa aplicación é capaz de retransmitir mensaxes ata un radio de 300 metros, superando as limitacións habituais do Bluetooth, que adoitan quedar nos 100 metros. Tamén incorpora modelos de almacenamento temporal para reenviar mensaxes a usuarios que estean fóra de cobertura durante un tempo.
A aplicación está deseñada para garantir a privacidade: as mensaxes están cifradas de extremo a extremo, almacénanse só no dispositivo e bórranse de xeito predeterminado sen pasar por servidores centrais. Isto fai de Bitchat unha ferramenta especialmente útil en contextos onde a conexión está bloqueada ou restrinxida, como xa sucedeu co uso de tecnoloxías similares (concretamente a aplicación Bridgefy) durante as protestas prodemocráticas de Hong Kong.
A aplicación permite crear chats en grupo con nomes en forma de cancelos e con protección con contrasinal, e prevé incorporar no futuro compatibilidade con Wi-Fi Direct para ampliar a capacidade e velocidade da rede.
Bitchat está dispoñible en versión beta a través de Apple TestFlight, aínda que a fase de probas xa alcanzou o límite de 10.000 usuarios e xa está pendente de revisión na App Store, polo que en poucos días poderá probase por parte de calquera.