Jacobo Penide, novo director de Estratexia de Negocio de Arteixo Telecom

mércores, 12 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega Arteixo Telecom vén de informar dun novo reforzamento para o seu proceso de medre no mercado internacional, reforzo que non se desenvolverá nun único plano senón en moitas frontes: dende o punto de vista do capital humano, da innovación mesma e da procura de novos nichos de actividade. Sobre o primeiro punto, o equipo de traballo, a empresa con sede no concello das Pontes informa da incorporación de Jacobo Penide como director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio. Penide, cuxa chegada responde á estratexia innovadora da empresa, traballará na identificación de oportunidades de negocio e liderará a implantación de novas metodoloxías de xestión para a venda dos procesos globais de I+D. Será ademais o representante da empresa na plataforma tecnolóxica galega Vindeira.
Así define a súa andaina futura o novo director de Estratexia: “Un dos meus obxectivos é dinamizar a transferencia das enormes capacidades tecnolóxicas que ten a compañía a produtos de alto valor engadido, xa que Arteixo Telecom controla o ciclo completo: dende o deseño do produto até a súa comercialización, pasando polo deseño, a industrialización e a fabricación”.
Cómpre lembrar que Jacobo Penide é enxeñeiro superior de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e MBA pola Escola de Negocios Caixanova. A súa experiencia estivo ligada nos últimos anos a empresas como Televés, R ou Arantia, compañía da que foi co-fundador.
Polo que respecta á aposta da firma Arteixo Telecom a prol da innovación e da procura de máis nichos de actividade, dicir que unha boa parte deste labor pasará por afianzarse en eidos como a seguridade e a eficacia enerxética para o fogar, a mellora do concepto de edificio intelixente, as comunicacións dixitais multimedia de alta capacidade e as solucións profesionais para operadores de telecomunicación. “Todo isto”, informa a propia empresa, “sen deixar de lado os sectores nos que a compañía ocupa posición de líder, como o ferroviario ou o sociosanitario”. Para acadar estes e outros obxectivos, Arteixo Telecom reforzará a súa liña de Investigación e Desenvolvemento (na que a día de hoxe o equivalente a máis do 5% da súa facturación) e porá en marcha proxectos de innovación tecnolóxica de gran alcance, promovendo con este fin a alianza con socios tecnolóxicos e coas administracións.

PUBLICIDADE