Jaione Camborda, a seguinte convidada do programa de entrevistas de Ana Pontón nas redes sociais

luns, 25 de marzo do 2024 S. P.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, anunciou un novo capítulo do seu programa #CódigoAna, baseado nunha charla distendida con personalidades do todos os eidos (cultura, ciencia, economía, audiovisual, feminismo, etc) a través das redes sociais. A cineasta galego-vasca Jaione Camborda, gran triunfadora nos Premios Mestre Mateo con O Corno, será a próxima convidada en #CódigoAna. Podemos ver un adianto da entrevista en YouTube. Amais dos adiantos que se publicarán nestes días, o programa íntegro poderá verse o mércores 27 ás 20.00 horas na canle de YouTube.
A xeito de avance, Pontón lembra da súa convidada que co seu último filme, O corno, Jaione Camborda converteuse na primeira muller do Estado en gañar a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia, e tamén en facelo cunha película en galego.
Despois de ser a gran vencedora dos Premios Mestre Mateo a pasada fin de semana, o filme conta xa tamén co premio da Academia Galega do Audiovisual a Mellor longametraxe, Mellor dirección, Mellor guión, Mellor dirección de arte, Mellor maquillaxe e peiteados, Mellor son e Mellor vestiario.
Jaione Camborda
Cineasta donostiarra afincada en Galicia, cursa os seus estudos na Escola de Cinema de Praga (FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF). É en Galiza onde desenvolve un recoñecido traballo como directora e guionista. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, e á mellor película na sección Escáner do Festival Márgenes, ademais de pasar pola sección Made in Spain do Festival de San Sebastián.
Previamente destaca o seu traballo dirixindo pezas curtas rodadas con material fílmico, como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas, todas elas coa súa produtora Esnatu Zinema, fundada en Santiago de Compostela. Participou ademais como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e ten traballado como directora de arte en varias películas doutros cineastas.
Tamén foi seleccionada para participar en diferentes laboratorios e residencias como o TIFF Filmmaker Lab do Festival Internacional de Cinema de Toronto, no programa de desenvolvemento La Incubadora – The Screen da ECAM, no programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián, ademais de ser recentemente beneficiaria da bolsa TIFF Canada Goose.

Adianto da entrevista