Javi Rocamora mostra as claves da nova mercadotecnia dixital ante emprendedoras compostelás

mércores, 28 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Cámara de Santiago organiza mañá no viveiro de Costa Vella, a partir das 10.00 horas, unha xornada de balde sobre redes sociais e mercadotecnia dixital para emprendedoras e empresarias. A cita, que se estenderá até as 14.00 horas, servirá para mostrar ante as asistentes ferramentas e recursos básicos, de utilidade, para elaborar un plan de marketing actual e eficiente que, en palabras da Cámara, contribúa a enriquecer cadansúa estratexia de negocio. A xornada contará coa presenza de Javi Rocamora, experto en actividade empresarial ligada ás redes.
A actividade forma parte do programa de Apoio Empresarial ás Mulleres (PAEM), que desenvolve a Cámara compostelá co co-financiamento do Fondo Social Europeo (FSE), o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e a Cámara de Comercio de España.
O formador de mercadotecnia dixital Javier Rocamora impartirá a sesión, explicando a importancia de contarmos cunha estratexia definida para redes sociais, a elaboración dun plan de promoción en liña, o uso profesional e a xestión de contidos nas redes sociais, as claves do posicionamento SEO ou a publicidade nas novas canles e plataformas.

PUBLICIDADE