O CITIC da Universidade da Coruña participou nun encontro o pasado 3 de febreiro no CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas – IMSERSO) celebrado en Madrid, no que deu a coñecer algunhas das súas infraestruturas tecnolóxicas máis avanzadas orientadas á atención a persoas con discapacidade.
Durante a xornada, Javier Pereira, subdirector do CITIC, presentou as capacidades do centro da UDC en ámbitos como a captura de movemento e os desenvolvementos de realidade virtual, tecnoloxías que, segundo explicou, “permiten abordar novas solucións en rehabilitación, accesibilidade e autonomía persoal”.
Estas infraestruturas singulares terán un papel clave no desenvolvemento do proxecto HIPA, financiado pola convocatoria I+P da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
O proxecto HIPA está coordinado pola Universidade de Valladolid e conta coa participación, ademais do CITIC, do servizo de rehabilitación do CHUAC a través do INIBIC, da Consellería de Política Social e Igualdade mediante a Subdirección Xeral de Envellecemento Activo e Innovación Sociosanitaria, do Hospital Río Hortega de Valladolid e da Xefatura de Política Social de Castela e León. A iniciativa busca avanzar en novas solucións tecnolóxicas aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, combinando investigación, innovación e transferencia ao entorno sociosanitario.
No marco deste encontro, o CITIC presentou tamén o proxecto Erasmus+ EDIGIT (European Digital Inclusive Guide for Innovative Teaching), a versión europea do programa Talentos Inclusivos. Esta iniciativa internacional ten como obxectivo “promover a participación das persoas con discapacidade na transición dixital, fomentando enfoques inclusivos na ensinanza de disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) mediante metodoloxías dixitais innovadoras”.
A participación do CITIC neste tipo de foros reforza o seu compromiso co desenvolvemento de tecnoloxías inclusivas e coa colaboración entre institucións académicas, sanitarias e sociais para xerar un impacto real na sociedade.
Tanto o proxecto HIPA como EDIGIT alíñanse coa estratexia do centro coruñés de impulsar unha investigación aplicada que sitúe as persoas no centro da innovación tecnolóxica.
Javier Pereira (CITIC) presenta en Madrid infraestruturas singulares para a atención a persoas con discapacidade
Compartir Este Artigo

