Jazztel ofrece 5G nas principais poboacións galegas

venres, 26 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que na actualidade a meirande parte dos provedores de acceso á Rede céntranse en anunciar os avances na súa cobertura de fibra óptica, nas redes móbiles tamén hai cambios, e fóra dos principais operadores a 5G está cada vez máis presente, incluso en operadores económicos, como é o caso de Jazztel, que xa ofrece esta tecnoloxía aos seus usuarios e incluso conta cun mapa de cobertura no que podemos comprobar como non só as cidades galegas gozas da 5G, senón que tamén moitas das vilas máis poboadas teñen cobertura.
As áreas da Coruña e Santiago de Compostela serían as que teñen unha cobertura máis ampla, pero o resto de cidades tamén teñen cobertura nas súas áreas metropolitanas, como tamén acontece en vilas como Carballo, A Laracha, Valdoviño, As Pontes, Vilalba, Betanzos, Muimenta, Sarria, Silleda, Carballiño, Xinzo da Limia, Verín, Celanova, Tomiño, Padrón e boa parte das Rías Baixas, estando previsto que nos vindeiros meses Jazztel leve a súa cobertura 5G a máis poboacións.
O máis interesante é que, ao chegar a 5G a Jazztel, operador propiedade de Orange, podería chegar en breve a moitos outros operadores virtuais que ofrecen os seus servizos a través da mesma rede.

PUBLICIDADE