Jiayu presenta un par de smartphones 4G para o mercado europeo

xoves, 12 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses van gañando pulo progresivamente no noso mercado, e algúns chegan a abrir tendas en liña oficiais no noso territorio, como Jiayu, que ten xa en carteira un par de novos terminais para o territorio europeo, dos que xa está dispoñible o Jiayu S3 a un prezo de 225 euros, o que é un prezo bastante asumible para un terminal 4G con pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, procesador MediaTek de oito núcleos a 1,7 GHz e 64 bits, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno e cámara traseira Sony de 13 Mpíxeles.
Este atractivo terminal tamén conta cunha cámara frontal de 5 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD de até 32 GB, soporte para dúas tarxetas micro SIM, batería de 3.000 mAh, un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 189 gramos. Un smartphone bastante completo que, para os que consideren que non é dabondo, contará en breve cunha versión con 3 GB de RAM e NFC.
Xa para finais do mes que vén prevese a chegada a España do Jiayu F2, un terminal máis modesto, que confórmase cunha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, dobre SIM, batería de 3.000 mAh e un grosor de 8,9 milímetros, que pretende chegar a un público máis amplo grazas a un prezo agresivo (en tendas chinesas pode atoparse por menos de 120 euros).
Cómpre destacar que as compras realizadas na tenda española de Jiayu contan con garantía de 2 anos, e con presenza física no noso territorio (facilitando o envío dos terminais dentro do período de garantía para a súa reparación) á vez que están libres de cargos arancelarios á hora de adquirilos a través da Internet.

PUBLICIDADE