Jolla será o primeiro móbil con Sailfish OS

luns, 20 de maio do 2013 Marcus Fernández

Os proxectos alternativos a Android están a buscar o seu retorno ao mercado, e unha destas plataformas, Sailfish OS (baseado en Linux e considerado como o retorno de MeeGo), comeza a amosar a patiña, e Jolla anuncia a súa intención de pór á venda antes de rematar o ano a un prezo de 399 euros un smartphone para sustentar tal sistema operativo móbil que contaría cunha pantalla de 4,5 polgadas, procesador de dobre núcleo, LTE, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, cámara de 8 Mpíxeles con enfoque automático e batería substituíble polo usuario, que pode encargarse dende xa.
O novo móbil coñeceríase simplemente como Jolla, o seu sistema operativo estaría baseado en xestos, e para poder gozar dun bo número de aplicacións, será compatible con aplicacións para Android (sen dar detalles a este respecto). É de agardar que nos vindeiros meses saibamos moito máis deste nova plataforma, especialmente porque vai comezar o seu lanzamento dende Europa.


Vídeo de presentación de Jolla

PUBLICIDADE