Jorge Cebreiros, de novo á fronte da asociación Ineo

xoves, 23 de outubro do 2014 Redacción

A asociación de empresas TIC Ineo vén de reelixir a Jorge Cebreiros como presidente da entidade. A revalidación fíxose efectiva no transcurso da asemblea xeral celebrada este mércores na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. Na xuntanza designáronse tamén (por vez primeira) dous vicepresidentes, por unha banda Carlos Conde (empresa Insa) para as áreas de software e servizos, e pola outra Javier Taibo (de EGATEL), para o ámbito das redes e as telecomunicacións. Segundo fai saber Ineo, a entrada destas dúas empresas “afianza a aposta da asociación por integrar compañías consolidadas e destacadas nas súas respectivas áreas, co fin de que ostenten a representatividade de Ineo nos órganos consultivos de referencia das ditas áreas”. Informar tamén de que na asemblea elixiuse a Carlos Abal, de Opensoft, como secretario tesoureiro. Ineo procedeu tamén a renovar os seus vogais.
Respecto da xunta directiva, sinalar que á incorporación de EGATEL e á renovación de InfoJC, súmanse as empresas Coremain e Din. Segundo fai saber Ineo, a entrada destas dúas novas compañías, referencia no sector TIC galego, “supón un gran reforzo empresarial pola súa dimensión e elevada solvencia e pola súa contribución á diversificación de áreas; igualmente pon de manifesto a aposta das empresas galegas por Ineo como órgano de representación empresarial tecnolóxico-dixital”. A nova xunta directiva, ficaría polo tanto integrada polas seguintes compañías: Activo Worldfund Company (Juan Carlos Pérez Suárez); Coremain (Luis Álvarez Sestelo); Crossnet Ingeniería y Sistemas (Carlos Díaz Méndez), Din (Víctor Vázquez Tomé), EGATEL (Javier Taibo Gallego), Estudios Mega (Giovanni Giardina Fernández), InfoJC (Jorge Antonio Cebreiros Arce), Insa (Carlos Conde Gil), Opensoft (Carlos Javier Abal Valverde) e Sivsa Soluciones Informáticas (José Antonio Román Jiménez).

PUBLICIDADE