José Ángel Abeal lévanos da man aos 17 anos de éxitos e internacionalizacións de Balidea
mércores, 16 de xaneiro do 2019
- O director de Desenvolvemento de Negocio de Balidea nunha imaxe de Miguel Blanco Arango
Hai 17 anos que Balidea comezaba no mundo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Formada por un equipo de persoas mozas e dinámicas, está presente non só en Galicia, senón tamén en Dinamarca ou na sede das Nacións Unidas en Suíza. José Ángel Abeal, director de Desenvolvemento de Negocio, recibe a Código Cero para falar do pasado, presente e futuro desta empresa punteira.
-Balidea nace no ano 2002, como foron eses comezos no mundo das
TIC?
-Balidea
naceu vinculada aos servizos tecnolóxicos do SERGAS. A partir de aí
especialízase no sector sanitario, sobre todo na parte de saúde
pública, e comeza a traballar novos proxectos. Durante a crise
impulsa a súa diversificación en dous sentidos: xeográfico e
sectorial. Empézase a ver como saír de Galicia, ir a outras
comunidades e incluso outros países e como afrontar tamén outros
ámbitos de traballo. Esa expansión estivo ligada ao sector público
porque Balidea é unha empresa solvente na concorrencia competitiva e
ten experiencia no traballo coas administracións. Dende fai dous
anos apostamos tamén polo sector privado.
A
expansión xeográfica foi moi natural, comezando por Asturias,
Cantabria, País Vasco, Aragón, Cataluña e agora estamos tamén en
Valencia e en Madrid. Ademais, temos algún pequeno proxecto en
Andalucía e Baleares. No eido internacional saltamos a Dinamarca da
man da Axencia Danesa da Enerxía e a Suíza, das Nacións Unidas.
Cando chegamos a Dinamarca démonos conta das posibilidades que
tiñamos. É un ámbito cun alto nivel de competencia, pero logramos
establecernos e traballar tanto con empresas públicas coma privadas.
En Suíza aterramos para traballar coas Nacións Unidas e a raíz de
aí démonos a coñecer. Agora traballamos xa con varias axencias na
ONU. Posiblemente somos a única empresa TIC galega que traballa para
este organismo e españolas debe haber dúas ou tres máis.
No
ámbito sectorial alén da sanidade, diversificamos os nosos servizos
de software, incluíndo temas relacionados coa ciberseguridade,
telecomunicacións e sistemas. De facturar 5 millóns hai cinco anos
agora chegamos aos 10 millóns. É un crecemento entre o 10 e o 20%,
un éxito noso e tamén acadado grazas ao auxe do sector.
-Podemos
dicir entón que hoxe en día Balidea é unha empresa punteira a
diferenza desa Balidea de 2002…
-No
que é volume de facturación, de persoal, abano de clientes e
ámbito xeográfico podemos dicir que estamos na cabeza da lista de
empresas punteiras, aínda que como es de punteiro depende do prisma
co que se mire. Con todo, en volumes eu penso que aí estamos.
-Balidea
non só está presente en Galicia, tamén está noutros puntos
nacionais e internacionais. Como foi ese proceso de
internacionalización?
-Pasas
moitas fases. Primeiro ves que hai moitísimas posibilidades e
entusiásmaste, pero non coñeces o traxecto. Tes que aprender a
cultura de onde vas, como se traballa alí, e teñen que aceptarte.
Tes que poñerte no seu lugar. É como se aquí empezas a ter
provedores estranxeiros: por que non un local?, por que un
estranxeiro?, por que dese país?... non é nada sinxelo. Necesitas
uns anos para asentarte nese mercado e lidar con moitos factores. Non
coñeces a contorna e os seus mecanismos de toma de decisións.
Dinamarca é un país pequeno que sempre estivo no medio de países
grandes e en certo modo buscan a súa identidade. Somos nós os que
temos que aprender deles e non eles de nós. É curioso, seguramente
Dinamarca manexa unha linguaxe para os negocios máis parecida á
nosa que a de América do Sur, por exemplo. É unha aposta arriscada.
Cando che sae ben é unha satisfacción pero tes que ter claro que
pode saír mal.
-Supoño
que traballar para a ONU ten que poñer o listón moi alto…
-É
unha contorna moi enriquecedora cultural, profesional e humanamente
porque atopas xente de todos os países. É un ámbito de traballo
totalmente distinto ao que coñeces e hai aspectos que chaman moito a
atención.
-Que
proxectos ten Balidea entre mans?
-Traballamos
en moitos ámbitos pero destacaría tres no campo da innovación: o
desenvolvemento de tecnoloxías para a prevención cardiolóxica en
colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago,
outras tamén para temas sociosanitarios e, por último, aquelas
relacionadas coa análise deportiva. Co noso traballo en I+D+i
queremos desenvolver produtos, xa que tradicionalmente nos dedicamos
á prestación de servizos. Queremos explorar esa vía, na que a
relación comercial é máis ampla.
Estamos
traballando tamén en ferramentas para a xestión de citas
hospitalarias e a xestión profesional, en tecnoloxía Drupal, en
plataformas de e-learning para administracións públicas... E
queremos posicionarnos en ciberseguridade, onde comezamos a colaborar
cunha empresa referente en desenvolvemento de software a nivel
mundial.
-Supoño
que o I+D+i é un factor clave na creación de produtos, verdade?
-Non
é o mesmo vender servizos que produtos, require unha aprendizaxe. O
apoio institucional á innovación é importante, pero tamén o é o
apoio á comercialización. Ou atopas a un experto nese ámbito ou
precisas axustar moitas pancas antes de chegar ao camiño correcto.
-Ademais
de un bo capital humano, non?
-Unha
das diferenzas que tes cando compites é a capacidade das persoas que
van contigo. Moitas veces a toma de decisións, sobre todo en
empresas privadas, baséase no feedback que sentes. Tes que
ter xente que se involucre, que se implique e que confíe na empresa;
e a empresa ten que confiar nesas persoas. Creo que o estamos a
conseguir, pois para ser un empresa de só 17 años, más de 30
persoas levan máis de 10 anos con nós. Estamos apostando forte pola
satisfacción dos traballadores e traballadoras, nunha relación
bilateral. Tamén temos que captar talento novo. Necesitamos moita
xente, e xente boa. Por iso damos facilidades para unha maior
flexibilidade horaria e de conciliación familiar, así como
múltiples vantaxes para facer que os empregados traballen nun
ambiente de satisfacción persoal e profesional.
-Estades
a ofrecer grandes avances no mundo tecnolóxico galego ao igual que
outras moitas empresas. Séntese a competencia ou é máis un
traballo de colaboración?
-Penso
que é competencia sa. Case todos nacemos no mesmo sitio e
coñecémonos dende hai moito tempo. Esa competencia sa axudounos
moito a mellorar en procesos internos e ademais, aínda que en
Galicia temos interiorizado o pensamento minifundista, cando saes
fóra necesitas colaboración porque es pequeno e non te coñecen. Ao
carón doutras empresas es capaz de abarcar moito máis. É unha
relación bastante amigable, aínda que moitas veces compitamos.
-Cara
a onde camiña Balidea nos vindeiros anos?
-Queremos
potenciar a nosa internacionalización porque nos resulta rendible.
Queremos seguir diversificándonos nos sectores polos que estamos
apostando, coma a ciberseguridade ou os sistemas. Queremos apostar
polos produtos especializados. Queremos seguir medrando porque cremos
que hai mercado e potencial... Estamos conseguindo obxectivos co que
sabemos facer e posicionándonos ben de forma natural nos mercados
nos que estamos entrando. Todo isto sostense cun bo equipo humano.
Tes que ter unha forte base de talento, de compromiso e conseguir
incorporar persoas novas a esta filosofía. Cada ano chegan a Balidea
entre 20 e 30 persoas e que entren nesta dinámica é algo moi
satisfactorio. Tamén queremos apostar pola responsabilidade social
empresarial. Dedicamos cada ano ao menos un 3% dos beneficios a este
labor e a xente que traballa con nós implícase moito.