José Campos e Valentín García entregan os premios da 3ª edición de Nós tamén creamos!

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

O conselleiro de Cultura, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, presidiron este mércores 18 de xuño a entrega dos premios ás mellores curtametraxes de animación do concurso Nós tamén creamos! 2024-2025. A gala desenvolveuse no Centro Galego de Arte Contemporánea e alí, Campos e García loaron o valor do audiovisual como “unha ferramenta con grandes posibilidades para potenciar a creatividade, e en galego, entre os escolares da Comunidade”.
Na cita, na que participou tamén a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro gabou a “gran calidade” dos proxectos presentados na décima terceira edición de Nós tamén creamos!, impulsada novamente pola Secretaría Xeral e na que participaron 29 centros de educación Primaria de toda Galicia, que presentaron un total de 35 curtametraxes.
O concurso volveu contar coa colaboración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQO editora, xa que a rapazada de entre 3 e 11 anos realiza adaptacións audiovisuais coa técnica de stop-motion dos seus álbums ilustrados.
En total, nesta edición de Nós tamén creamos! galardoáronse seis centros educativos de Primaria xa que, en dúas das catro categorías existentes, a calidade dos traballos presentados propiciou que se lles concedesen accésits.
Deste xeito, o primeiro galardón da categoría de 2º ciclo de educación Infantil foi para o proxecto Árbores no camiño, do colexio Xesús Golmar, de Lalín (Pontevedra) e déuselle un accésit a O avó de Zulaimar, do Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras (Ourense).
O premio para 1º e 2º de educación Primaria foi parar ao audiovisual Valentina, do centro Alfonso Rodríguez Castelao, de Vigo (Pontevedra). Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao audiovisual Coas mans baleiras, do colexio da Espiñeira-Aldán, de Cangas (Pontevedra).
Na categoría de 3º e 4º de educación Primaria, o primeiro premio recaeu en Navega, caracol, da escola Emilia Pardo Bazán, na Coruña, mentres que o máximo premio na distinción de 5º e 6ª de Primaria foi para o colexio Santo André de Xeve, en Pontevedra, pola adaptación a curtametraxe do album ilustrado O avó Zulaimar.

Curtas premiadas