José González destaca a innovación como elemento clave no fomento do emprego
martes, 11 de xuño do 2024
Este 11 de xuño clausurouse en Santiago o Foro Sabadell Profesional, organizado por Banco Sabadell co obxectivo de fomentar o diálogo, recoller ideas de colaboración e analizar as necesidades financeiras dos colexios profesionais no momento actual. O acto contou coa presenza do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen enxalzou a contribución dos colexios profesionais á formación e ao emprego de calidade e o seu papel como axentes fundamentais no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
González tamén destacou o apoio do Goberno galego a estas entidades en materia de formación para o emprego e fixo fincapé “na aposta da Xunta neste eido a través do Plan Galego de Formación para o Emprego 2024, dotado cun orzamento de máis de 117 millóns de euros”.
Ademais defendeu a importancia da colaboración entre as administracións e os colexios profesionais neste ámbito na procura do progreso e do crecemento para Galicia: “A nosa é unha comunidade que evoluciona, tal e como reflicten os datos de paro do mes de maio, por baixo das 123.000 persoas”.
Para seguir afrontando desafíos como o das arredor de 15.000 vacantes laborais existentes en Galicia, González apelou “a seguir traballando da man da innovación como aliada”. Froito disto, dixo, é a ferramenta tecnolóxica EMi, que conecta oferta e demanda en tempo real con Intelixencia Artificial e que está dispoñíbel en todas as oficinas de emprego galegas. “Esta medida é pioneira no país e consiste nun software que permite un mellor perfilado competencial que contribúe a aumentar a empregabilidade e a detectar as contornas con máis oportunidades para cada perfil profesional”, destacou. O conselleiro tamén salientou o papel do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para captar e reter talento no sector TIC da comunidade. “A través do CNTG”, sinalou, “hai programadas para este curso máis de 200 accións sobre as temáticas máis demandadas, como a ciberseguridade, os servizos na nube e a Intelixencia Artificial. Delas poden beneficiarse, tanto a persoas traballadoras do sector TIC galego, como a persoas desempregadas interesadas en incorporarse a el”.
Outra mostra desta aposta á que se referiu José González é a lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial na que traballa a Xunta e que, segundo dixo, converterá a nosa terra “na primeira comunidade en ter unha lei propia que regule esta cuestión”. Deste xeito, puntualizou, desde o Goberno galego “buscamos aproveitar ao máximo os beneficios da tecnoloxía para impulsar a competitividade das empresas e camiñar ao ritmo que nos marca a actualidade”.