José López Campos presenta o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural

xoves, 16 de outubro do 2025 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou este 16 de outubro o Observatorio da Innovación de Patrimonio Cultural, a nova ferramenta impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de “promover o estudo, o coñecemento e as actuacións innovadoras no ámbito do patrimonio cultural”, sinalou o conselleiro.
Así, durante a presentación, José López Campos destacou a importancia de poñer en marcha esta iniciativa que permite á “cidadanía tomar consciencia da importancia do respecto e coidado da diversidade cultural, incidindo en maior medida nas novas xeracións”.
Tal e como explicou López Campos, esta medida pon “a educación patrimonial no centro” ao permitir que tanto a cidadanía como a comunidade científica poida facer as súas achegas ao tempo que se pon a súa disposición recursos e documentación nun mesmo espazo web.
Entre os obxectivos concretos do Observatorio figuran “identificar iniciativas innovadoras, avaliar os principais datos vencellados co patrimonio, difundir e compartir as boas prácticas, emitir recomendacións e activar redes de colaboración entre administracións, institucións e comunidades locais para crear sinerxías e proxectos colaborativos”.
Para conseguilo, entre as funcións desta ferramenta está monitorizar o panorama galego, recompilar datos, facer comparativas, responder consultas, favorecer a organización de encontros, propiciar o traballo en rede con outros observatorios e impulsar a divulgación e a comunicación a través de publicacións de novas, boletíns e informes.