José Manuel Leceta, ex director de Red.es, falará no CiTIUS de como universalizar a innovación

venres, 8 de xaneiro do 2021 S. P.

O vindeiro 21 de xaneiro, a partir das 12.30 horas, o salón de actos do CiTIUS acollerá a presentación do libro Innovación fractal, publicado recentemente polo autor José Manuel Leceta, que dará a coñecer os detalles das investigacións sobre fractais (obxectos matemáticos presentes na natureza que nos axudan a describir con sinxeleza a complexidade das cousas que nos rodean) que deron como resultado o dito volume. A presentación farase chegar en streaming dende o CiTIUS.
A tese do libro en cuestión ten relación directa coas posibilidades que nos abren os fractais para desvelar o complexo. Segundo fai saber, “a innovación de éxito ha de ser simple, aínda que non sempre sexa sinxela”. Ao tempo, ábrese unha porta a unha clara identificación do proceso creativo a nivel tecnolóxico cos patróns que ofrece o medio natural: “E se, como sucede cos fractais, existisen estruturas subxacentes que se reproducen a diferentes niveis?” Para demostrar este punto, o autor defende que “innovar é apostar pola xente; que o emprendemento é un deporte de contacto e que, como a vida, o emprendemento innovador é unha viaxe”.
A obra, explican dende o CiTIUS, é “unha reflexión orixinal sobre un fenómeno complexo, desde o convencemento de que quen entenda as dinámicas de cambio que inducen a innovación e o emprendemento estará en mellores condicións de comprender un pouco mellor o mundo”.
Enxeñeiro de Telecomunicacións, con diplomas en Dirección Estratéxica, Economía de Redes, Estudos Internacionais e Xestión da Innovación, José Manuel Leceta comezou a súa carreira na industria espacial en 1987 primeiro en España e logo en Finlandia, Francia e Xapón, uníndose ao CDTI en 1992 como membro da delegación española ante a Axencia Espacial Europea (ESA).
En 1996 foi nomeado xefe do Departamento de Tecnoloxías e Aplicacións no CDTI; entre 2000 a 2002 foi presidente do Consello Director do Programa de Lanzadores Ariane e Vicepresidente do Consello de Programas de Telecomunicacións por Satélite da ESA. Entre 2004 e 2010 foi director internacional do CDTI e membro activo de CREST-ERAC, representante de alto nivel Eureka e TAFTIE.
Logo de ser nomeado director do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) en 2011, foi tamén profesor visitante no Centro Robert Schuman de Estudos Avanzados do Instituto Universitario Europeo (EUI) de Florencia. Amais, foi director xeral de Red.es de novembro de 2016 a xullo de 2018.

PUBLICIDADE