José María López Bourio, reelixido presidente de AGESTIC
venres, 2 de marzo do 2012- López Bourio durante a presentación compostelá de TTT Social Center
José María López Bourio, presidente da
Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC),
repetirá ao fronte da entidade ao longo dos vindeiros catro anos. Así nolo fixo
saber este venres dende Lugo a asemblea xeral electoral da asociación, que
confirma con esta reelección a vontade de “seguir
traballando a prol da potenciación dos servizos de asesoramento no pulo a
proxectos e no apoio a emprendedores”. A maiores, buscarase incrementar dende a sede
de AGESTIC en Lugo a colaboración dos seus técnicos coas organizacións empresariais
da provincia, co fin de acadar un obxectivo duplo. Ou sexa, co fin de crear
novas empresas con alicerce TIC e máis incrementar a actividade da demanda dos
servizos tecnolóxicos na contorna.
O novo mandato de Bourio, explicou durante a
celebración da asemblea, pasará por afianzar e executar en 2012 unha serie de
importantes proxectos concretos. Dun destes tres proxectos, sen ir máis lonxe, xa falamos
recentemente en Código Cero, e trátase de Destino Emprego, posto en marcha para
facilitar a inserción laboral e a igualdade das mulleres galegas no emprego das
redes e ferramentas da información.
Ao longo deste ano tamén se afondará no
proxecto NACCE, froito da colaboración co Norte de Portugal e co obxectivo de
favorecer a saída ao mercado de novas empresas TIC de ámbalas beiras do Miño.
Con este proxecto achégase apoio, formación, titorización, información de
canles de financiamento, axudas para saír ao exterior e para pór en marcha unha
iniciativa TIC de mercado, etc.
No transcurso da asemblea, Bourio destacou “o importante papel das tecnoloxías da
información, nun mundo dixital para a mellora competitiva do resto dos sectores
produtivos nun ambiente de grave crise económica, no que os empresarios farán
ben apostar polas TIC e Internet para afianzárense e gañar posición nos
mercados”. Ao seu xuízo, o sector tecnolóxico-dixital galega retrocede un
chisco no que se refire a facturación, pero é quen de manter o emprego.