Josué Monchán dará na SGAE de Santiago unha clase maxistral sobre guións de videoxogos

venres, 15 de setembro do 2017 Redacción

A sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela vai acoller o vindeiro 29 de setembro, a partir das 16.30 horas, unha sesión divulgativa para introducirnos no miolo da construción dun videoxogo. Máis polo miúdo, no alicerce que sostén o edificio dunha aventura dixital: o seu argumento. A clase maxistral Guión de videoxogos virá da man do especialista Josué Monchán. A actividade vén da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) co apoio da Fundación SGAE, que, por certo, está na actualidade celebrando o seu 20 aniversario.
Na cita do 29 de setembro, Monchán dará conta da súa experiencia de máis dunha década traballando como escritor e deseñador narrativo, amais de familiarizar aos participantes coas metodoloxías a seguir para dar forma ao contido dunha aventura dixital. Segundo informa a SGAE, a tarifa básica da sesión será de 20 horas, pero os socios da entidade terán acceso de balde á xornada, así como os afiliados a AGAG, FAGA ou CREA. Para recibir máis información pódese enviar un correo electrónico a pblanco@fundacionsgae.org.
O relator
Segundo nos conta a SGAE, Josué Monchán é un dos guionistas de videoxogos máis recoñecidos dos panoramas estatal e internacional, remontándose a 2005 a súa experiencia neste ámbito creativo. Desenvolvendo o seu labor para Péndulo Studio, foi candidato ao premio Excellency in Storytelling dos IMGA Awards en dúas ocasións, e ao Best Narrative no Game Connection Europe. Recibiu o galardón á Mellor Narrativa polo xogo Blues and Bullets na Game Connection de San Francisco. Tamén traballa como tradutor de videoxogos (Paper Please, Shovel Knight, Deponica...) e como profesor na Universidade Complutense de Madrid, a UFB e a UNAV.

PUBLICIDADE