Julian Cerviño (AMTEGA) e Fernando Suárez (CPEIG) participan na UVigo nun seminario sobre neurotecnoloxías e dereitos

luns, 21 de xullo do 2025 S. P.

O edificio Redeiras (UVigo) acolleu esta mañá o seminario Innovación, neurotecnoloxías e dereitos fundamentais. A liberdade da mente, un encontro coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Juan Antonio Hernández Corchete co que se busca “promover un diálogo entre xuristas e especialistas en ciencia e tecnoloxía para afondar nas técnicas xurídicas que protexan a liberdade da mente ante a proliferación de técnicas que fan factibles as influencias externas”.
Ao longo de toda a mañá abordáronse materias como a liberdade da mente como atributo esencial da persoa, os dereitos fundamentais que poden asegurar este espazo de liberdade, o tránsito da ética aos dereitos desta materia ou as mellores técnicas regulamentarias para compatibilizar innovación cos dereitos da persoas.
O programa incluíu dúas mesas redondas. A primeira, Innovación, neurotecnoloxías e dereitos fundamentais. Un diálogo xurídico, moderada por Miguel Recio Gayo, presidente da Asociación Profesional Española de Privacidade, AEPD, contou coa intervención de Luis de Salvador Carrasco, director de División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos, AEPD; Ana Santillán Henríquez de Luna, doutorando en Neurodereitos da Escola Internacional de Doutoramento CEU; Alberto Díaz Romeral, profesor de Dereito Administrativo, USP-CEU, e o propio Juan Antonio Hernández Corchete, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.
“É unha xuntanza de reunión interdisciplinar coa que avanzar enfoques e ideas sobre como regular os avances na neurociencia, de modo que se concilie a innovación cos dereitos das persoas á liberdade da súa mente”, explicou Hernández Corchete.
A segunda mesa redonda, concibida como un diálogo interdisciplinar, contou coa participación do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, Julián Cerviño, e o presidente do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática (CCII) e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, moderados por José Luis Piñar Mañas, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad CEU San Pablo, director do seminario.
“É unha actividade pensada para os investigadores que participan no proxecto ao abeiro do cal se organiza este seminario, que son xuristas e precisan completar a súa visión coa parte tecnolóxica-científica”, explicou o coordinador do seminario, en referencia a que o seminario forma parte das actividades organizadas dentro do proxecto de investigación Identidade dixital, dereitos fundamentais, dereitos dixitais e neurodereitos, dirixido por José Luis Piñar Mañas, vicepresidente da sección de Novas Tecnoloxías da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación e do que tamén forma parte o profesor Hernández Corchete, vocal desa sección da academia.