Julio Abalde e Eduard Martín, protagonistas esta semana das xeiras de networking do CPEIG e AMTEGA

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan esta semana (o martes 19 e o mércores 20) dous novos espazos de networking e debate ao abeiro do programa tres14.pm. Este programa difundirase desde o Centro GaiásTech (Cidade da Cultura).
O programa conta con espazos de traballo, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico no que reflectirán, en catorce minutos, tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes.
O taller deste 19 versará sobre A Cidade das TIC: Dixitalización e transformación dixital, e estará impartido polo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde. Celebrarase por streaming ás 15:00 horas.
Julio Abalde é reitor da UDC desde 2016, e máis presidente da Comisión Sectorial da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas CRUE-Xerencias. Tamén é presidente da CIXUS e de FEUGA. É catedrático de Microbioloxía e doutor pola Universidade de Santiago (USC). Xunto coa súa actividade docente, desenvolveu un labor investigador e a autoría de artigos de investigación, sendo autor de máis de 85 artigos de investigación, 60 deles publicados en revistas internacionais de referencia, cinco libros, once capítulos de libros e dirixiu oito teses de doutoramento.
Dentro da xestión, no campo universitario desempeñou distintas responsabilidades. Foi secretario do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, director do Departamento de Bioloxía Celular e Molecular na UDC, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) (2005-2009) e vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas desde 2012 a 2015.
Cara a conectividade do futuro
A segunda sesión celebrarase este 20 de outubro e tratará sobre Tecnoloxía 5G: cara a conectividade do futuro, sendo impartida por Eduard Martín, director de conectividade intelixente en Mobile World Capital Barcelona desde xaneiro de 2019 onde dirixe e coordina o Observatorio Nacional de 5G e a iniciativa 5G Barcelona. Celebrarase por streaming ás 15:00 horas.
Martín é Enxeñeiro en Informática e Enxeñeiro Técnico en Informática de Sistemas pola Universitat Oberta de Catalunya, e Diplomado en Tecnoloxías da Información por Cambridge (UCLES). Posúe un certificado en xestión da innovación por IESE e conta cunha experiencia de máis de 30 anos no sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), tanto na o ámbito público como no privado.
Traballou durante máis de 25 anos para o Concello de Barcelona, concretamente, no Instituto Municipal de Informática. Posteriormente, incorporouse a Sopra Steria, unha consultoría internacional focalizada na transformación dixital, na que desenvolveu o cargo de director estratéxico para o sector público durante algo máis dun ano. Posto que retomou como director de Smart Cities e estratexia para o sector público en España. Ademais, é decano do Ilustre Colexio de Enxeñaría Informática de Cataluña e presidente da Asociación de Profesionais TIC de Cataluña.
O programa tres14.pm forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro Gaiástech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo portal dixital www.gaiastech.xunta.gal.


PUBLICIDADE