Julio Mayol pecha este xoves o ciclo Pontevedra, quen pasa?

luns, 22 de xuño do 2026 S. P.

O doutor Julio Mayol, catedrático de Cirurxía da Universidade Complutense de Madrid, chega esta semana a Pontevedra para pechar a iniciativa Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses, impulsada polo Servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e polo seu grupo de investigación IDARA, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
A derradeira parada deste ciclo terá lugar os días 25 e 26 de xuño e estará centrada no impacto da intelixencia artificial na sociedade e no ámbito sanitario.
Como antesala ao encontro, o Servizo de Aparello Dixestivo do CHUP sairá ás rúas de Pontevedra para coñecer a opinión da cidadanía sobre esta tecnoloxía, a través dunha enquisa a pé de rúa e da gravación dalgunhas reflexións das persoas participantes.
O material recollido servirá como punto de partida para a conversa aberta que manterán o día 25 no Liceo Casino de Pontevedra o doutor Julio Mayol e o profesor Senén Barro, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. O encontro estará moderado polo doutor Juan Turnes, xefe do Servizo de Aparello Dixestivo de Pontevedra e será de acceso libre para toda a cidadanía sen necesidade de rexistro previo.
Esta iniciativa conta nesta edición de xuño co apoio de AbbVie, Novo Nordisk, Roche e o Liceo Casino de Pontevedra, e está organizada polo Servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, así como polo grupo de investigación IDARA.
Baixo o título IA, unha oportunidade evolutiva, o encontro do 25 de xuño busca abrir un diálogo coa cidadanía arredor das oportunidades, dúbidas e retos que presenta a IA.
Ademais, gravaranse algunhas das reflexións das persoas participantes, que darán lugar a un vídeo que será compartido durante o encontro. Así mesmo, a cidadanía pode formular as súas propias preguntas de forma anónima antes da charla.
O acto dará continuidade ao videopodcast difundido polo Servizo de Aparello Dixestivo de Pontevedra a comezos de ano, no que participaron os mesmos expertos (o doutor Julio Mayol, o profesor Senén Barro e o doutor Juan Turnes) para abordar o uso de asistentes de intelixencia artificial na medicina. Este contido acadou máis de 13.000 visualizacións na canle de YouTube do grupo IDARA. No acto está prevista a presenza do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López; e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O día 26 de xuño, o salón de actos do Hospital Montecelo acollerá ás 08.15 horas unha clase maxistral do doutor Julio Mayol baixo o título Pero ti non empregas a IA?, na que tamén se reflexionará cos profesionais sobre as respostas da cidadanía arredor da IA.