Kaz Hirai deixará a dirección xeral de Sony

venres, 2 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Coincidindo coa publicación dos resultados financeiros do último trimestre, nos que Sony rexistrou un incremento de ingresos dun 11,5%, a compañía nipoa anunciou que a partires do 1 de abril a dirección xeral pasará a ser responsabilidade de Kenichiro Yoshida, un dos principais directivos na actualidade, que collería o relevo de Kaz Hirai, quen manterá o un posto directivo. Este cambio nos máximos postos de responsabilidade supoñen o inicio dun novo plan corporativo a medio prazo.
Tras a decisión do cambio no cadro de mandos da empresa, Hirai recoñeceu que Yoshida leva traballando dun xeito moi próximo a el dende decembro de 2013, contribuíndo á transformación experimentada por Sony nos últimos anos, e asegurando que agora será o propio Hirai o que axude a Yoshida na súa nova función.
Nos últimos meses Sony continuou a acumular perdas no seu departamento de smartphones, na que levan bastante tempo contendo gastos ante as dificultades para recuperar posicións, mentres que no ámbito das consolas de videoxogos a PlayStation 4 e PlayStation VR son grandes éxitos, como tamén acontece na división audiovisual da compañía que leva varios meses medrando até conseguir uns resultados moi positivos.

PUBLICIDADE