Killer Instinct chega a Windows 10

luns, 4 de abril do 2016 Marcus Fernández

En 1994 e 1996 Rare lanzou un par de curiosos xogos de loita baixo a marca Killer Instinct, que convertéronse en todo un clásico instantáneo, pero que quedaron marxinados até que Microsoft decidiu rescatar a franquía como un xeito de potenciar a súa nova consola de videoxogos, de xeito que Killer Instinct volveu co lanzamento da Xbox One como un xogo free-to-play no que podemos controlar de balde a un loitador (que vai mudando de cando en vez) podendo desbloquearse o resto de loitadores mediante pagamentos dentro da aplicación. Agora, grazas á estratexia de Microsoft de unificar os xogos de Xbox One e Windows 10, temos que este título chega á Tenda de Windows 10, onde podemos descargalo de balde.
O xogo para Windows 10 permítenos gozar de todos os modos de loita (incluíndo o multi-xogador en liña) de balde, con numerosas opcións de personalización, 20 escenarios con etapas de destrución, modo de historia cinemática, un dojo de adestramento para aprender a controlar o xogo, aproveitar os puntos de gardado en liña e incluso permitir o enfrontamento en liña entre xogadores de Windows 10 e Xbox One.
A principal limitación deste xogo é que só funciona con equipos con Windows 10 de 64 bits, aínda que tamén é algo esixente en canto a hardware, xa que precisa dun equipo que como mínimo teña unha configuración equivalente a un procesador Intel Core i5-4670K a 3,4GHz, 8 GB de RAM, gráfica nVIDIA GeForce 670 e 30 GB de espazo libre en disco.

PUBLICIDADE