Kirby Wii será un dos grandes xogos de plataformas da consola doméstica de Nintendo

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Despois da boa acollida de Kirby’s Epic Yarn para Wii, parecía evidente que o carismático personaxe nacido na Game Boy non ía deixarnos coas ganas, e durante o E3 Nintendo presentou o trailer de Kirby Wii, un xogo que fuxe da orixinal proposta do anterior título para volver ás orixes, para postularse como un dos grandes xogos de plataformas para a consola doméstica de Nintendo xunto co Super Mario Bros Wii e Donkey Kong Country Returns.
No novo xogo teremos un mundo moi colorido, distintos poderes por parte dos protagonistas, ata catro xogadores en pantalla… propostas que deixan claro que pese a terse anunciado xa a Wii U, a actual Wii non vai marchar sen facer ruído, e nos vindeiros meses achegaranos moitas sorpresas de alto nivel.
A historia de Kirby Wii sitúanos no reino de Pop Star, onde tivo un accidente unha nave alieníxena, polo que o noso heroe vai viaxar por distintas terras para facerse coas pezas do vehículo avariado para axudar aos alieníxenas a volver ao seu fogar. Para esa tarefa contará coa axuda de ata 3 xogadores que tomarían os papeis de Meta Knight, King Dedede e Waddle Dee.
Este xogo está a ser desenvolvido por HAL Laboratory (responsables do anterior xogo de Kirby e de outros grandes títulos como Super Smash Bros Brawl) e agárdase que chegue ao mercado o vindeiro outono.


Trailer de Kirby Wii

No xogo Kirby poderá facer uso de distintos poderes
En Kirby Wii o rosado heroe poderá contar coa axuda de 3 amigos

PUBLICIDADE