Konami prepara un novo Castlevania para iOS

martes, 17 de abril do 2018 Marcus Fernández

A franquía de Castlevania ten entregas moi diversas, que van dende xogos con gráficos tridimensionais até propostas máis sinxelas dentro do xénero que moitos definen como Metroidvania (deixando claro que esta marca comparte moitos elementos con Metroid), e aínda que o normal é gozar destes xogos en consolas de videoxogos, no Xapón están a preparar unha entrega para iOS, Castlevania: Grimoire of Souls, que este ano terá unha beta pechada.
O xogo ambiéntase nun futuro no que Drácula foi destruído, aínda que a tranquilidade resístese a quedar, e un personaxe que traballa para unha axencia secreta do goberno xaponés, Genya Arikado, recibe unha carta que alerta de que están procurar a resurrección de Drácula, polo que unirá as súas forzas coa investigadora Lucy. Tamén farán acto de presenza outros personaxes coñecidos como Alucard, Simon, Charlotte, Shanoa e Maria.
Castlevania: Grimoire of Souls será un xogo cooperativo en liña que tamén contará cun modo competitivo de 4 contra catro e integrará temas musicais de anteriores entregas que axudarán a sentir que estamos ante un xogo desta franquía tan lonxeva.

PUBLICIDADE