Kreios Space gaña os Premios EmprendeXXI como a startup con maior potencial de Galicia

mércores, 2 de abril do 2025 S. P.

A nova firma innovadora Kreios Space, cliente ENISA (Empresa Nacional de Innovación) e certificada como empresa emerxente, foi galardoada nos Premios EmprendeXXI como “a de maior impacto en Galicia”. Estes premios, impulsados o Ministerio de Industria e Turismo, a través de ENISA, e por CaixaBank (DayOne), celebran este ano o seu 18.ª edición. A entrega territorial destes recoñecementos en Galicia conta co apoio do IGAPE.
Kreios Space é unha empresa que se dedica ao sector aeroespacial. Con sede en Lugo e instalacións en Vigo, desenvolve sistemas de propulsión eléctricos e sostíbeis para satélites. O xurado valorou que a súa innovadora tecnoloxía, que se denomina ABEP (Air-Breathing Electric Propulsion), “permite reducir as órbitas actuais nas que operan os satélites, diminuíndo o custo das misións e a xeración de lixo especial, á vez que incrementan o tempo de vida deste tipo de vehículos”. O seu proxecto resultou seleccionado entre as 31 candidaturas que se presentaron na última edición dos galardóns en Galicia.
A entrega de galardóns contou coa presenza de Inma Moretón, directora de Comunicación de ENISA, así como con cargos de CaixaBank e IGAPE, entre outros. O xurado encargado de seleccionar á empresa gañadora estivo composto por institucións e entidades relevantes do ecosistema rexional de emprendemento, como Xesgalicia, as universidades de Santiago e Vigo, Startup Galicia, Unirisco, Bioga ou Vigo Conecta. Ademais, a xornada celebrou unha mesa redonda sobre novos referentes no ecosistema emprendedor galego na que interviñeron, Lara Neira, CEO (directora executiva) de Nigal e Antón Vázquez, co-fundador de Alén Space.
Grazas a este recoñecemento, Kreios Space recibiu un premio en metálico de 6.000 euros. Ademais, a compañía terá acceso a un programa de formación Moonshot Thinking en colaboración con ESADE e tamén viaxará a Berlín para completar o acompañamento internacional nunha iniciativa organizada co ICEX. A gañadora tamén terá a oportunidade de participar nos Investors Day EmprendeXXI, unhas xornadas durante as caes poderá manter contacto co ecosistema investidor e empresas interesadas en colaborar co emprendemento.
Doutra banda, a compañía formará parte da comunidade AlumniXXI, punto de encontro para o intercambio de coñecementos, ideas e experiencias entre as e os fundadores das empresas premiadas ao longo da historia dos Premios EmprendeXXI. Trátase dunha iniciativa que combina unha comunidade virtual e encontros presenciais que axuda a reforzar vínculos e crear sinerxías entre as persoas premiadas e o ecosistema emprendedor e da innovación.
Ademais de Kreios Space, no evento participaron o resto de startups finalistas en Galicia, que tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos:
· Diversa Technologies: spin-off xurdida do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do SERGAS. Colabora con empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas na investigación de solucións, a través da aplicación de nanotecnoloxía, que permitan o desenvolvemento de fármacos e terapias innovadoras en eidos como a oncoloxía ou as enfermidades raras. O seu obxectivo último é mellorar a calidade de vida das persoas a través da medicina de precisión.
· FlowReserve Labs: esta compañía compostelá desenvolveu unha tecnoloxía que permite previr enfermidades cardiovasculares en etapas moi temperás, evitando complicacións posteriores ao ser tratadas a tempo. FlowReserve Labs calcula indicadores cardiolóxicos de maneira precisa e de forma non invasiva, a partir de imaxe médica de TAC.
· Vanetta Food: compañía que desenvolve desde a súa sede no Porto de Molle, Nigrán, alternativas cárnicas nas que axuntan innovación e respecto á tradición. Ofrecen produtos 100% galegos baseados nunha alimentación plant-based, aquela que está composto por alimentos derivados das plantas.
· YowUp!: empresa pontevedresa de referencia en lácteos para mascotas que crearon o primeiro leite funcional e iogures para cans e gatos, un produto único sen graxa nin lactosa e fabricado en España.